O Grupo Operativo Terractiva traballa no apoio aos novos entrantes no sector agrogandeiro en Galicia

O Grupo Operativo Terractiva traballa no apoio aos novos entrantes no sector agrogandeiro en Galicia

O Grupo Operativo Terractiva, integrado polo Laboratorio do Territorio (LaboraTe) –pertencente ao Campus Terra da USC en Lugo–, a Fundación Juana de Vega, a cooperativa Horsal, a Asociación de Desenvolvemento Rural "Mariñas de Betanzos" e o centro de promoción rural EFA Fonteboa –onde ademais colaboran Slow Food Compostela, Eloy Galán e Granxas de Lousada–, traballa na elaboración dun marco metodolóxico de apoio aos novos entrantes no sector agrogandeiro en Galicia.

Este grupo, que conta cunha axuda de case 180.000 euros para un período de 24 meses, vén de lanzar o primeiro formulario en liña para identificar a novos entrantes, que serían aquelas persoas que se incorporaron por primeira vez ao sector agrícola nos últimos dez años e que non contaban con experiencia previa en actividades agrarias.

Buscan coñecer os aspectos que lles supuxeron un maior obstáculo no territorio galego e que as súas vivencias contribúan a facilitar o camiño aos futuros novos entrantes. Nunha segunda fase, que se desenvolverá entre os meses de marzo e abril, as entidades que conforman o grupo operativo realizarán entrevistas persoais a unha escolma dos participantes para poder afondar na caracterización de todos os perfís e problemáticas identificadas.

O formulario está dispoñible para todas esas persoas que se consideren novos entrantes e queiran colaborar coa súa experiencia persoal nesta primeira fase.