O Boletín Oficial do Estado publica hoxe a orde do Ministerio de Facenda e Función Pública pola que se reducen, para agricultores e gandeiros, os Índices de Rendemento Neto para o período impositivo 2021 no sistema de estimación obxectiva do Imposto sobre a RPF (ou de módulos).
As reducións establecidas tradúcense nunha diminución proporcional da base impoñible derivada dos rendementos da actividade agraria e, en concreto, para o sector do bovino de leite implican unha baixada do 0,20 ao 0,14.
Estímase que esta medida beneficie os 900.000 agricultores e gandeiros de todo o Estado que elixen o sistema de módulos do IRPF para tributar e, tal e como sinalan desde o Ministerio, súmase á baixada do 20 % no rendemento neto aprobada para todo o sector agrario no Real Decreto-Lei 4/2022 de medidas para paliar os efectos da seca e o incremento dos custos de produción.
A orde inclúe a redución do índice aplicable ás actividades gandeiras que alimenten o gando con pensos e outros produtos adquiridos a terceiros (sempre que representen máis do 50 % do importe total da alimentación animal) e, de maneira extraordinaria, amplía en 5 puntos a redución do coeficiente corrector por uso de electricidade para a rega que se aplicou en anos anteriores. Así os agricultores que utilicen a electricidade para a rega beneficiaranse dunha minoración do 25 % no rendemento neto para cultivos regables, extensible a todos os regadíos, e non só aos de consumo estacional.