O presidente da Organización Interprofesional Láctea (InLac), Daniel Ferreiro, e o presidente de Cajamar, Eduardo Baamonde, presentaron este mediodía en Lugo a publicación “O sector lácteo en España” xunto aos dous coordinadores da obra, Edelmiro López, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Lainez, consultor de investigación e innovación alimentaria de Cajamar.
O libro, no que participaron 40 especialistas na materia, analiza en profundidade a evolución experimentada polo conxunto do sector desde 2016, cando desaparece o sistema de cotas lácteas e se inicia unha progresiva liberalización da produción, atopándose na actualidade a oferta española de leite e os seus derivados nunha conxuntura favorable de prezos á alza.
Entre os datos destacados desta publicación, sobresae o feito de que España se sitúa como unha potencia europea pola dimensión e eficiencia da súa estrutura, con máis de 20.600 gandeiros dedicados á produción de leite. Deles, 12.500 profesionais fano na produción láctea procedente da vaca (61 %), 4.800 de cabra (23 %) e 3.300 de ovella (16 %); hai máis de 1.500 centros autorizados para a súa recollida e transformación, que xeran máis de 30.000 empregos, o 8,5 % do total do conxunto do sector agroalimentario, e un volume de negocio superior aos 9.500 millóns de euros.
Destaca tamén o peso específico do sector desde o punto de vista económico, cunha facturación anual de 13.000 millóns de euros no conxunto dos elos da cadea, así como do emprego, ao achegar máis de 60.000 postos de traballo directos, e da súa aposta pola innovación e a excelencia, configurándose como unha industria fundamental pola súa contribución ao desenvolvemento rural, a fixación da poboación ao territorio, a soberanía alimentaria, a saúde pública e o medio ambiente.
Entre outros aspectos, o documento recolle tamén a importancia dun produto saudable e internacional como o leite, describe a este sector como “competitivo e comprometido coa sustentabilidade” e apunta, entre os retos de futuro, cara ao incremento de custos, os efectos derivados da seca e a necesidade de buscar a sustentabilidade e de apostar pola economía circular.