O MAPA inicia o procedemento de información pública da norma que regulará o Sistema de Información de Explotacións Agrícolas

O MAPA inicia o procedemento de información pública da norma que regulará o Sistema de Información de Explotacións Agrícolas

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación abriu o proceso de información pública do proxecto de real decreto polo que se establece e regula o sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e da produción agraria (SIEX). Este sistema, que se abordará de maneira progresiva, unificará os rexistros existentes na administración pública en materia agraria para integrar a información que os agricultores e gandeiros deben proporcionar ás autoridades competentes. A información pública estará aberta ata o 16 de febreiro.

Os rexistros, que agora se atopan nun conxunto de bases de datos e rexistros administrativos das comunidades autónomas e do MAPA, unificaranse mediante un sistema de información interconectado, o SIEX, o que simplificará o labor dos agricultores e gandeiros. Para iso, poñeranse á súa disposición gratuitamente as ferramentas e procesos dixitais precisos, evitando duplicidades no envío de información á administración, e facilitando o acceso á mesma para os propios agricultores e gandeiros.

Ao mesmo tempo, facilitarase a xestión dos rexistros e cadernos de explotación que deben manter os agricultores, de xeito informático e non manual, contribuíndo ao obxectivo xeral de reducir as cargas administrativas e avanzar nos procesos de dixitalización das explotacións agrarias e das administracións. A norma dispón tamén que as autoridades competentes deben prestar apoio a aqueles agricultores e gandeiros que teñan dificultades para o acceso ou o manexo das ferramentas informáticas.

Así mesmo, indícase que as autoridades competentes poñan a disposición dos agricultores, de maneira gratuíta, as ferramentas necesarias para o seu mantemento, incluíndo a posibilidade de utilizar ferramentas comerciais da súa elección.