O sector lácteo desenvolve unha ambiciosa folla de ruta para que a actividade sexa cada vez máis respectuosa co medio ambiente, tendo tamén en conta o benestar dos animais e sen esquecer a súa aposta por seguir ofrecendo aos consumidores alimentos seguros, saudables e nutritivos.
Fernando Estellés, doutor enxeñeiro agrónomo e membro do Comité de Sustentabilidade Láctea, órgano asesor da campaña "Conta cos produtos lácteos europeos", impulsada pola InLac con apoio da UE, lembrou que todas as actividades humanas teñen impacto ambiental. Informes da InLac e do Irta detallan que a produción de leite contribúe con apenas un 3 % ás emisións globais de gases de efecto invernadoiro. Cando se fala de gandería, Estellés indicou que "estamos a dar para comer á poboación e é algo que tamén temos que ter en conta".
"Aínda que hai marxe de mellora a nivel de sustentabilidade, a dirección que tomou o sector nos últimos anos é prometedora. As vacas e outros animais son máquinas de reciclar produtos que nós non nos podemos comer e con iso producen un alimento de altísima calidade como é o leite, que nutricionalmente é unha pasada e que logo se pode transformar en queixo, iogur e outros derivados", precisou o enxeñeiro agrónomo.
O experto ve imprescindible que a agricultura e a gandería teñan futuro en Europa porque debe poñerse en valor "a súa capacidade para vertebrar o territorio e manter viva a nosa poboación máis aló das grandes cidades". A maiores, conclúe con que "temos que facer maior esforzo en comunicar, informar, divulgar. O sector debe ser accesible á sociedade porque non hai nada que ocultar, é transparente e o seu modo de vida está aberto a quen queira contemplar todo o bo que hai detrás dun vaso de leite, un anaco de queixo ou un iogur".