A reunión, celebrada na Facultade de Veterinaria de Lugo, incluíu no seu programa oito exposicións e unha mesa redonda cos relatores do día. O manexo de enfermidades coma a EHE e a BVD, a integración de novas tecnoloxías de intelixencia artificial en granxa e as prácticas aconsellables para o coidado das xatas lactantes foron algúns dos aspectos tratados na sesión. Ver en Vaca Pinta 44.
Africor Lugo e a revista Vaca Pinta celebraron o xoves 29 de febreiro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo a súa xornada técnica anual. Os relatores desta edición puxeron o foco en temáticas como a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), a diarrea vírica bovina (BVD), o manexo da recría, a xestión dos datos en granxa, os programas sanitarios e o papel das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) en Galicia.
EHE, BVD E PROGRAMAS SANITARIOS OBRIGATORIOS E VOLUNTARIOS
O encontro comezou cun relatorio de José Bernardo, director territorial de Agroseguro na zona noroeste, quen se centrou na evolución da implantación do seguro agrario en Galicia e describiu o seguro para cultivos forraxeiros, de grande importancia na nosa comunidade. “Hoxe en día non se entende unha explotación de leite en Galicia sen un cultivo de millo e, produto diso, este tipo de contratacións foi medrando. Concretamente, o ano pasado o capital asegurado en todas as liñas de Galicia rozou os 1.000.000.000 de euros”, destacou Bernardo.
A continuación, subiu ao estrado Manuel Morales, responsable da sección de vacún do equipo veterinario de Oceva SC, referencia na provincia de Zamora, para repasar a situación actual da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), así como para compartir as súas experiencias coa mesma e para adiantar as recomendacións que se valoran para facerlle fronte. “Trátase dunha enfermidade que ata certo punto é descoñecida e que este ano nos pillou de forma inesperada, está a ter un impacto forte na saúde e no rendemento económico nas granxas”, apuntou Morales. “Xa coñeciamos algo por referencias do ano pasado en Andalucía, pero nunca pensamos que ía afectar tan gravemente nas explotacións de vacún leiteiro”.
Da EHE pasouse a falar doutra enfermidade tamén importante nas granxas leiteiras, como é a diarrea vírica bovina (BVD). Desta terceira charla encargouse Juan Manuel Loste, veterinario especializado en reprodución de Albaikide SA (Navarra). Especificamente, tratou o seu enfoque dentro das granxas e como as novas ferramentas tanto de diagnóstico como de plans de vacinación lles permitiron afrontala mellor.
Seguidamente, tomou a palabra Ignacio Arnaiz, responsable do Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia. Durante a súa exposición realizou un breve resumo da nova normativa que afecta os programas sanitarios de vacún, explicou os motivos da súa realización, enunciou os principais aspectos para o seu funcionamento (tanto dos de obrigado cumprimento como dos voluntarios) e expuxo exemplos do seu desenvolvemento sobre diferentes enfermidades recollidas nos programas das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira.
Precisamente do labor das ADSG continuou falando Gloria Martínez, coordinadora do equipo veterinario da ADSG Xundeva (Lalín). Para finalizar a mañá, analizou a evolución da prevalencia e a gravidade das enfermidades incluídas no seu programa sanitario e evidenciou a mellora no status sanitario das explotacións adscritas á súa agrupación: “Despois de vinte anos traballando, en Xundeva dispoñemos dunha gran variedade de datos que nos permiten ver claramente como avanzaron positivamente as granxas neste tempo”, valorou.
RECRÍA E XESTIÓN DE DATOS
As intervencións da tarde dedicáronse á recría e á xestión de datos. Concretamente, sobre recría versou a intervención de Carlos Carbonell, de MSD Animal Health, quen examinou os cambios no manexo das xatas lactantes durante os últimos anos nas ganderías galegas e presentou os que, na súa opinión, son os principais retos e áreas que se deben potenciar durante estas idades, así como as novas oportunidades ás que sería necesario prestar atención. “A progresión nesta área foi moi importante nos últimos anos. As ganderías fixeron fronte a unha serie de desafíos e foron capaces de identificar nichos de mellora que foron claves”, aseverou Carbonell.
Seguiuno Jesús Combarro, director de Banca Sectorial de Abanca, quen expuxo como as normativas ambientais poderán afectar á hora de solicitar financiamento, tendo en conta que a Unión Europea “ten previsto que esta sexa unha das ferramentas para axilizar o avance cara a unha economía máis sustentable en todos os ámbitos”.
Finalmente, do último tema do encontro, a xestión de datos, encargouse Fernando Mazeris, director xeral de Dairy Data Warehouse e referente a nivel mundial neste campo. O experto subliñou o valor, cada vez máis importante, dos datos recollidos nas explotacións e o potencial que van supoñer para un manexo preventivo dos rabaños. “A recolección de datos de boa calidade pode influír positivamente na eficiencia das ganderías e mesmo se poden valorizar aínda máis a través de novas tecnoloxías de intelixencia artificial e, desa maneira, contribuír fortemente á rendibilidade e a eficiencia dos produtores”, remarcou Mazeris.
O FUTURO DO MANEXO DA GRANXA PASA POLA IA
O evento concluíu cunha mesa redonda na que interviñeron os relatores Carlos Carbonell e Fernando Mazeris; o xerente de Africor Lugo, Fernando Rodríguez; o asesor en Nutrición e vogal de Nutrición de Anembe, Ángel Ávila, e o veterinario de Gando, Guillermo Lorenzo.
Durante este coloquio, tratáronse aspectos como os cambios que implicou o uso de novas tecnoloxías de intelixencia artificial (IA) no desempeño diario, a utilidade que están a dar desde control leiteiro a estas informacións e as principais barreiras á hora de sacarlles todo o rendemento posible.
O rexistro de datos no sector en Galicia está bastante ao día, coincidiron en sinalar todos, así como no feito de que o futuro pasará, irremediablemente, pola súa interpretación e valorización mediante o uso de IA. “Unha parte disto dependerá dos técnicos, pero outra será xa cousa da propia IA, que marcará o camiño polo que teña que ir a granxa”, vaticinou o veterinario de Gando, ao que Carbonell engadiu que hai un oco interesante no mercado no relacionado coa xestión da información para poder tomar mellores decisións.
Pola súa banda, Fernando Rodríguez lembrou que en control leiteiro son pioneiros na recollida de datos e apuntou que a súa potencialidade “é a posibilidade de establecer comparacións entre granxas, algo que vimos facendo desde hai moitos anos coa mesma metodoloxía”, destacou. No entanto, son conscientes de que “non podemos chegar a sacarlles todo o valor que realmente teñen, entón unha das nosas funcións é poñelos a disposición dos técnicos e dos asesores das granxas para que traballen con eles”.
Seguidamente, Mazeris lanzou á mesa unha cuestión: como de rápido será o proceso de comezar a facer verdadeiramente caso ao que di unha máquina? O vogal de nutrición de Anembe afirmou que non tardará en ser o habitual, tendo en conta que “imos a unha velocidade de vertixe, non é algo que vaia vir, é que xa está aquí”, remarcou. O cambio, así pois, radicará nas novas funcións que poida desempeñar esta nova tecnoloxía: “Ata o de agora, usamos os datos para anticiparnos ou identificar antes posibles problemas, pero nunha segunda fase estas ferramentas poderán dicirnos cando prepararnos porque saberán que determinado animal vai ter un problema”, enunciou Ávila.
Mazeris sumouse a esta reflexión, sobre a que engadiu que “as decisións estratéxicas (onde estou e onde quero ir), polo menos de momento seguirán dependendo do gandeiro e do seu asesor, pero as pequenas, as do día a día (a que vaca lle baixo o concentrado e cal insemino no próximo celo), dependerán cada vez máis da tecnoloxía da que dispoñamos”.
Unha das cuestións lanzadas desde o público estivo relacionada con como de rápido se está adaptando a universidade, en canto a validación e preparación dos estudantes para este novo contexto, para poñerse á vez coas esixencias da industria. Sobre isto, o relator Carlos Carbonell destacou a soltura das novas xeracións de veterinarios para traballar coa IA, á vez que expresou certa preocupación pola posible falta de capacidade para entender o transfondo da información que lles xera esta ferramenta.
No que se refire á recepción deste tipo de tecnoloxías por parte das ganderías, Lorenzo explicou que hai dúas tipoloxías: aquelas que xa levan tempo tecnificándose e van á vangarda, e outras que, por diversos motivos, non entraron nesta dinámica e, como consecuencia diso, están a quedarse atrás. “En xeral, eu creo que a progresión nesta área está a ser boa e a nós, como técnicos, non nos queda máis que evolucionar á vez que o fai a tecnoloxía”, remarcou.
Respecto disto último, os participantes na mesa redonda subliñaron que faltan profesionais preparados para asesorar no ámbito das decisións estratéxicas. “Hai gandeiros que xa piden máis, e iso esíxelles aos técnicos dedicar tempo a formarse nun ámbito que está un pouco á marxe do que se refire aos animais; a formación é distinta á que tivemos normalmente”, explicou Carbonell.
É necesario dedicar horas de estudo para chegar a converter os datos en información e esa información en coñecemento e, falando das principais barreiras á hora de sacarlle o máximo partido a todas estas novas ferramentas, foron unánimes á hora de sinalar a falta de tempo para aprender a xestionalas correctamente. “Todo este proceso de dixitalización e traballo con IA vai tan rápido que é complicado absorber todo o que nos chega. Aos técnicos e aos gandeiros de máis idade é a quen máis nos está custando adaptarnos”, valorou Ávila. “Vexo, por exemplo, que os fillos de gandeiros, que se están incorporando agora, son os que máis rendemento lles están sacando; aprendo con eles”, apuntou.
“A moitos gandeiros tamén lles falta buscar un oco para sentarse e interpretar os datos. Unha vez que o fan e ven o impacto que isto ten, empézano a tomar máis como rutina”, contou o veterinario de Gando, quen sinalou tamén outro factor limitante: ter que traballar introducindo datos en varios sistemas á vez, posto que polo momento non é posible a integración de todos eles nunha soa plataforma. “A loita hoxe en día está en integrar todo para traballar desde un mesmo sitio”, destacou.
O director de Dairy Data Warehouse coincidiu na necesidade de camiñar nesta dirección, xa que “no momento no que se poidan compartir estes datos haberá un progreso importante neste ámbito; o impacto será moi positivo”.