A edición 31.ª do Congreso Mundial de Buiatría [World Buiatrics Congress (WBC)] celebrarase no Palacio Municipal de Congresos de Ifema en Madrid do 4 ao 8 de setembro e congregará os maiores especialistas en buiatría a nivel mundial.
A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), que reúne a 1.400 veterinarios expertos en gando bovino, é a encargada da súa organización por delegación da Asociación Mundial de Buiatría (WAB), composta por 53 asociacións profesionais de todo o mundo, con máis de 50.000 asociados que desenvolven a súa actividade no ámbito da veterinaria especializada en ruminantes de produción.
Ao longo das máis de 1.000 intervencións trataranse temas relacionados co labor dos veterinarios de ruminantes e daranse a coñecer as últimas novidades e investigacións científicas a nivel internacional. Por iso, ademais dun completo programa científico con vinte e cinco topics de diferentes especialidades da veterinaria de bovinos, ovinos, camélidos e alpacas, e dos mellores relatores do momento en cada un dos temas principais, organizáronse para cada xornada mesas redondas coas catro mellores presentacións orais e cos dous relatores principais, onde se poderá interactuar con eles sobre os aspectos máis relevantes de cada unha das súas exposicións.
VETERINARIA E SAÚDE HUMANA
Ao final de cada xornada científica, levarase a cabo a sección denominada "Vip Presentation", aberta á sociedade en xeral, á que poderá asistir calquera persoa previo rexistro.
Nela abordaranse temas de actualidade vinculados ao labor do veterinario de granxa, tales como a importancia do seu traballo para a prevención de enfermidades na saúde humana, a redución de emisións de metano por medio da eficiencia produtiva e a importancia dos ruminantes ante o despoboamento rural e a limpeza dos montes para evitar os incendios forestais que estamos a sufrir.
Neste sentido, o membro do comité organizador do Congreso Marco Sánchez-Moreiro, veterinario oficial e inspector facultativo sanitario, subliña que a percepción que ten a sociedade dos buiatras é, a día de hoxe, "parcial e reducionista". "A poboación de a pé ignora –alerta– que a saúde humana depende do bo estado dos animais e que, cando chequeamos as vacas de tuberculoses ou controlamos a pasteurización do leite nas industrias e os residuos de medicamentos na cadea alimentaria, estamos a realizar prevención para as persoas, loitando contra a zoonose, esa palabra tan coñecida desde a pandemia da covid-19". "O control do benestar en granxa, no transporte e no matadoiro, reforzado agora con cámaras de videovixilancia, é clave para a saúde animal, pero tamén para a saúde pública", afirma.
Sobre a produción sustentable, a fixación de poboación nas zonas rurais e o labor da gandería ante os incendios, Sánchez engade que "se deberían valorar ambos os lados da balanza antes de falar de sustentabilidade ou contaminación, pondo ao gandeiro como o malo da película".
De acordo a estas ideas, o veterinario e socio de Anembe, Pablo González, que desenvolve a súa actividade profesional na provincia de Ourense, unha das máis afectadas polos incendios forestais, corrobora que "estes anos de pandemia, nos que o sector non parou, foron un momento crucial para mostrar os datos reais en canto a emisións de CO2 e demostrouse que a contaminación que representa a gandería está moi por baixo da que supoñen outras actividades industriais moito máis contaminantes".
González, moi sensibilizado ante os incendios e coñecedor do rol da gandería contra eles, advirte que "as explotacións gandeiras realizan un labor fundamental na roza de monte baixo, no mantemento de pasto de alta montaña e na rotación de pastos. Contribúen de forma drástica contra os incendios nalgunhas zonas onde a actividade gandeira é maior".
Ademais, contarase coa presenza de personaxes tan mediáticos como o veterinario estadounidense Dr. Jan Pol, protagonista de série número 1 emitida por National Geografic Wild, The Incredible Dr. Pol; con Odile Rodríguez, bióloga e divulgadora científica, filla do naturalista Félix Rodríguez de la Fuente (creador da lendaria serie El Hombre y la Tierra) ou co filósofo e escritor Fernando Savater.
RECONOCIMENTOS
No transcurso do Congreso entregaranse unha serie de premios, entre os que destaca o Premio ao Logro do Benestar de Ruminantes, dotado con 10.000 euros, co cal se recoñecerá o mellor traballo nesta materia. Así mesmo, outorgaranse outra serie de premios e bolsas a mozos veterinarios e estudantes de Veterinaria, cunha dotación de 23.300 euros.
Por último, o programa social ofrecerá unha axenda moi atractiva para todos os asistentes estranxeiros, que inclúe unha visita a unha finca de cría de touro bravo, un tour a Toledo e ao Madrid monumental, unha cea de gala no palacio do Negralejo e un broche final na praza de Las Ventas con jam session e concerto, ademais de grelladas e bebidas a un prezo reducido e aberto a todo o mundo.
Anteriormente á última edición do WBC, que tivo lugar en Tokio en 2018, a última celebrada en Europa levouse a cabo en Dublín en 2016 e a cidade mexicana de Cancún será a que tome as rendas en 2024.