O portugués Henrique Moniz xulgará os certames frisóns da Moexmu

O portugués Henrique Moniz xulgará os certames frisóns da Moexmu

A organización da 38.ª Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) acaba de anunciar que o xuíz encargado de valorar os animais participantes nos concursos frisóns será o portugués Henrique Moniz. Celebraranse, en paralelo, unha nova edición do tradicional Concurso de Gando Frisón da Moexmu e o XXX Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga 2022.

Moniz criouse na gandería leiteira Herdeiros de Manuel Elías Melo Moniz, que actualmente pertence á súa nai e aos seus tíos. En 2007 entrou a traballar na Asociación Agrícola de San Miguel, onde coordinou o Servizo de Control Leiteiro, e en 2015 trasladouse ao departamento de Nutrición Animal da fábrica de pensos de Santana da Cooperativa União Agrícola.

Forma parte do grupo de xuíces da Asociación Portuguesa de Criadores de Raza Frisia (APCRF) desde 2012 e xulgou diversos certames no país, como o Concurso Rexional de Ferreira a Nova, o Concurso de Agro Race, en Braga, o de Faial e o Concurso da Raza Holstein Frisia da Illa de Pico, así como tamén algún outro certame en España.

En 2013, como representante da APCRF, participou no taller da Confederación Holstein Europea (EHFC), celebrado en Vianan/Utrecht (Países Baixos), clasificándose no décimo cuarto posto da categoría de Xulgamento entre un total de 34 xuíces de dezaoito países europeos. En 2015 tamén participou como representante de Portugal no taller EHFC celebrado en Hódmezovásárhely (Hungría).

A Moexmu terá lugar os días 1, 2 e 3 de abril na localidade lucense de Muimenta (Cospeito).