O prezo do leite subiu 5 céntimos no supermercado desde decembro e só 1,2 céntimos chegaron ao gandeiro

O prezo do leite subiu 5 céntimos no supermercado desde decembro e só 1,2 céntimos chegaron ao gandeiro

Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia realizaron un estudo no que conclúen que tan só unha cuarta parte do incremento do prezo do leite nos supermercados se traslada aos produtores. No período de decembro a marzo, o litro de leite subiu 5 céntimos (pasou de 79 a 84), mentres que o prezo base que cobra o gandeiro por producilo pasou de 21,4 a 32,6. Miguel López, secretario da Unión de Consumidores de Galicia, apunta que “nestes catro meses o leite subiu un 6,46 % no supermercado, pero só un 4,04 % ao gandeiro. Hai un 2 % que non chega ao produtor”.

Ambas as entidades presentaron hoxe o Observatorio de Prezos do Leite que ten por obxectivo achegar “transparencia á cidadanía para que poida tomar decisións de compra conscientes”. Buscan que o consumidor “saiba a verdade, porque hai axentes intermedios que non son claros. Queremos que saiba que parte do que está a pagar agora polo leite nos chega a nós”, indica Roberto López, de Agromuralla. Para iso, todos os meses os socios achegarán as facturas de compra do leite por parte das industrias. A monitorización incluirá tamén aos consumidores para saber se están dispostos a asumir un lixeiro incremento no prezo do leite, se vai destinado aos gandeiros. "Unha ampla maioría das familias galegas estaría disposta a asumilo, sempre que repercuta no produtor", asegurou Miguel López.

Cabe destacar, que os datos empregados para o seguimento do mercado non teñen en conta os produtos transformados ou de alto valor engadido. Así é que analizan o prezo do cartón de leite enteiro no supermercado, xa que é o que menos transformación sofre, e o prezo base pagado ao gandeiro por ese leite. Así mesmo, prodúcese un desfasamento temporal entre as subidas producidas nos supermercados e as trasladadas ás granxas. “Durante este tempo, hai quen se está beneficiando diso”, incidiu Roberto. Por iso, os datos que fixeron públicos non reflicten na súa totalidade a revalorización do leite en orixe que se produciu na última renovación dos contratos, que entraron en vigor no mes de abril.

Agromuralla e UGCAL pretenden que o Observatorio sexa unha ferramenta útil para comparar o funcionamento do mercado do leite nas distintas comunidades. Por iso, están a traballar para ampliar os datos tamén a Asturias e Castela e León a través de consumidores e gandeiros, e ver se hai diferenzas de comportamento da industria e a distribución en función do territorio. Así, os datos serían representativos a nivel estatal xa que máis do 60 % do leite orixínase neste tres autonomías.

Agromuralla aproveitou esta presentación para denunciar a “política de prezos escura por parte das industrias lácteas. As empresas queren camuflar o prezo do leite a través de primas, é algo que dá inseguridade aos gandeiros. Gustaríanos que as industrias trasladasen esas primas ao prezo base”, solicitou Roberto.