O Centro Tecnolóxico Agroalimentario (Asincar), xunto a Campoastur, Aseava e o Serida, colaboran na iniciativa Go Tercras, que persegue a posta en valor da raza Asturiana dos Vales no cruzamento con vacas leiteiras frisonas. O proxecto, cofinanciado pola UE (Feader), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e a Consellería de Medio Rural e Política Agraria do Principado de Asturias, conta cun orzamento de 208.969,20 € e unha axuda pública de 196.297,20 €.
Entre os principais obxectivos desta proposta destacan a selección de polo menos unha liña xenética de sementais da raza Asturiana dos Vales adecuadas ao uso en cruzamento en ganderías de produción láctea; a validación do uso de seme da raza Asturiana dos Vales como unha alternativa a outras razas para a obtención de xatos cruzados para a mellora nos índices produtivos en explotacións de produción láctea; a avaliación comparativa do desenvolvemento e a sanidade durante as fases de lactación, destete e cebo de animais cruzados frisona con Asturiana dos Vales fronte a cruzados frisona con Angus, e o desenvolvemento dun plan de divulgación específico para os resultados do proxecto orientado tanto ao sector gandeiro como ao sector da carne de vacún.
Os resultados que se esperan obter co proxecto son o desenvolvemento de protocolos para a selección de sementais de Asturiana dos Vales para o uso en cruzamento con vacún leiteiro, a dispoñibilidade de sementais desta raza como alternativa vaálida para a mellora da produtividade en ganderías de vacún de leite e o aumento de recursos no programa de mellora da Asturiana dos Vales, así como o desenvolvemento dun protocolo de manexo eficaz para a lactación, destete e cebo de xatos cruzados con Asturiana dos Vales.