- Este ano as xornadas chegan ao seu vixésimo aniversario e continuarán mañá na Facultade de Veterinaria de Lugo.
O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo está a ser o escenario, un ano máis, das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite que organiza a cooperativa Seragro e que celebran, nesta ocasión, a súa vixésima edición.
A primeira sesión do encontro deu comezo ás 10:30 horas coa inauguración e, xusto despois, o catedrático Juan Miguel Rodríguez foi o primeiro relator do día. Durante a súa quenda, profundou sobre a microbiota mamaria da vaca. Seguiulle Víctor Manuel Rodríguez, veterinario de Seragro, coa charla titulada “A sala de espera desespera”.
Despois dunha breve pausa para o café, as exposicións continuaron da man de David Vilacoba, enxeñeiro agrícola, quen disertou sobre as posibilidades do aumento do rendemento no millo e, a continuación, a enxeñeira agrónoma de Seragro Ana Rama puxo o foco na mellora da calidade da herba.
Para pechar a mañá, Diana Freijeiro, enxeñeira agrónoma, centrou a súa exposición no caderno dixital e as novas restricións na xestión das explotacións.
Tras un descanso para a comida, ás 16:00 horas retomáronse as charlas coa economista Mónica Martínez. O relatorio que desenvolveu levaba por título: “Fiscalidade e negocios: como as decisións sociais e fiscais lle afectan ao teu negocio”.
Posteriormente, chegou a quenda dos gandeiros Pablo Suárez, da Sociedade Cooperativa Galega Grille; Marcos Alvite, de Granxa Pazos, e Jesús Pablo Blanco, de Granxa Xustás, que falaron sobre o día a día en granxas con sistemas de monitorización.
O primeiro día chegou ao seu fin co habitual encontro gandeiro.