Impulsar e defender o modelo de nutrición sensata, baseada nunha dieta variada e equilibrada, promover hábitos de vida saudables e actuar contra os bulos e a desinformación en alimentación son os obxectivos primordiais da campaña dixital #SomosNutrisensatos.
Así, ademais de poñer en valor a riqueza gastronómica de España e o papel que cumpren as empresas e traballadores de toda a cadea alimentaria, tamén quixeron destacar o feito de que o noso país conta con máis de 350 denominacións de orixe e suma máis de 300 Estrelas Michelín, datos que evidencian o papel central da alimentación na nosa identidade e cultura.
“É un feito incuestionable que España posúe un alto nivel de calidade de vida. A pesar do terrible efecto que produciu a pandemia, o noso sigue sendo un dos países con maior esperanza de vida. Estamos orgullosos de que a alimentación sexa un factor moi importante que contribúe a este recoñecemento e os representantes da cadea alimentaria seguiremos esforzándonos para manter este status que nos caracteriza e distingue no mundo enteiro”, apuntaron os portavoces.
Ao fío do acontecido nos últimos días, outra misión que se marcaron foi a de achegar sentido común e combater a desinformación e os bulos que se están vertendo sobre nutrición e saúde. Segundo sinalan, o sector dos alimentos e bebidas é un dos máis expostos ás fake news, chegando a representar o 30 % dos bulos que circulan nas redes sociais en 2019 e case a metade en 2021.
“Os elos da cadea vemos con preocupación estas mensaxes que, carentes de aval científico, sementan dúbidas no consumidor. A desinformación que cuestiona a calidade e seguridade da nosa gastronomía produce alarma social e, en moitos casos, leva aos consumidores a desterrar da súa dieta certos produtos ou ingredientes de maneira inxustificada”, lamentaron.
#SomosNutrisentatos é unha iniciativa impulsada pola Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB), co apoio de AECOC, ASAJA, COAG, Cooperativas Agro-alimentarias, Hostalaría de España, Marcas de Restauración, PROMARCA e UPA.