O sector lácteo galego acumula 19 meses consecutivos de subas de prezos

O sector lácteo galego acumula 19 meses consecutivos de subas de prezos

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu onte unha reunión do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia, na que se fixo balance do bo momento que se está atravesando no sector ao encadear ata 19 meses consecutivos de subas de prezos, que propiciaron unha facturación récord o ano pasado. O conselleiro aproveitou para apostar polo reforzamento deste órgano no marco da estratexia de dinamización do sector lácteo.

Durante o encontro o conselleiro destacou que o prezo do leite pagado aos gandeiros situouse en xaneiro en Galicia nos 58,8 céntimos por litro, 0,2 céntimos máis que o mes anterior. Isto supón un incremento de preto do 64 % respecto ao mesmo mes de 2022, cando o leite se pagou a 35,9 cts./l. Estas cifras propiciaron que as explotacións galegas facturasen no 2022 por venda de leite 1.306,6 millóns de euros, o que supón un incremento do 35,2 % respecto do ano 2021. Os datos tamén mostran que o rendemento medio por gandería aumentou en Galicia un 73,7 %.

Por outra banda, o titular de Medio Rural referiuse á Lei de recuperación da terra agraria e ás posibilidades que ofrecerá o Banco de explotacións que se porá en marcha este ano para así garantir o mantemento das granxas viables pola vía do arrendamento ou da transmisión. Tamén aludiu ás arredor de 10.000 hectáreas que se están poñendo en valor ao abeiro desta norma e ás concentracións parcelarias decretadas en Galicia desde 2021, que contribúen ao aumento da base territorial.