O tradicional brinde do leite pon fin ás XIX Xornadas Técnicas de Seragro

O tradicional brinde do leite pon fin ás XIX Xornadas Técnicas de Seragro
  • Logo da paréntese obrigada debido á pandemia, este ano as xornadas volveron á presencialidade.
  • O manexo da recría, o control da dermatite, os beneficios do leite para a saúde humana e o uso de biotecnoloxías xenómico-reprodutivas no vacún leiteiro foron algúns dos temas centrais da sesión.

Hoxe tivo lugar na Facultade de Veterinaria de Lugo a segunda parte das XIX Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, na que se abordaron aspectos como o manexo e a alimentación da recría, o control e a prevención da dermatite, os beneficios do leite para a saúde humana e o uso de biotecnoloxías xenómico-reprodutivas no vacún leiteiro. 

O veterinario de Servet Ledesma Miguel Ángel García iniciou a sesión tratando un dos factores que máis inflúen no benestar das explotacións gandeiras e, nomeadamente, nas de vacún leiteiro: o índice de coxeiras ou de mobilidade, e resaltou a importancia de contar con ferramentas eficaces para o seu control. Entre todas elas, centrouse na descrición do sistema RoMS (Register of Mobiliy Scorers) e resaltou os motivos que levou á Asociación de Profesionais da Pedicura Bovina de España e Portugal (APPB) a apostar por el, entre os que citou o feito de estar “amplamente estendido na industria e nas entidades que velan pola calidade dos produtos alimentarios de orixe animal”.

A continuación, tomou a palabra o podólogo de Seragro SCG Manuel Vidal. O seu relatorio versou sobre a dermatite, unha doenza podal que, segundo advertiu con base nun estudo de máis de 20.000 animais de 29 granxas, afecta a máis dun 80 % das nosas explotacións. Vidal describiu a enfermidade, ofreceu algunhas pautas para a súa prevención e o seu tratamento (entre as que nomeou a importancia dunha alimentación baseada en oligoelementos, así como a mellora de pediluvios e da hixiene como medidas preventivas) e enumerou as medidas de control recomendadas para avaliar a prevalencia desta doenza nos rabaños.

Relevouno no estrado o veterinario Rogelio Grille, o cal, fundamentándose na súa propia experiencia, ofreceu unha charla que estruturou en tres partes: a etapa do leite, a da transición de lactante a ruminante e as diferentes estratexias dende a fase de leite ata a desteta. A través delas tratou as variables que, de forma xeral, se manexan na fase de leite dunha xata e lembrou algúns conceptos que considera necesarios para unha etapa lactante exitosa. Posteriormente, achegouse á transición cara á desteta e, ao fin, expuxo dúas estratexias de recría (Recría Castro e Ganxabar), coas que ilustrou que o resultado pode ser válido se “nos adaptamos aos distintos manexos e plans de alimentación”.

Posteriormente, o enxeñeiro zootecnista Sebastián Demyda, da Universidade de la Plata (Arxentina), adentrouse na clarificación dalgúns conceptos relacionados coa xenética e a reprodución co fin de explicar o uso racional destas metodoloxías. Tras un breve percorrido pola historia nesta materia, detívose nalgunhas das tecnoloxías reprodutivas máis empregadas a nivel mundial, tales como a inseminación artificial (IA), a transferencia embrionaria (TE) ou a selección xenómica, “a metodoloxía máis utilizada actualmente na mellora dos bovinos de leite”. A continuación, botou unha mirada ao futuro e vaticinou que tanto as biotecnoloxías xenómicas coma as reprodutivas son xa unha realidade no gando bovino leiteiro e, “malia que algunhas teñen aínda aplicacións limitadas por cuestións económicas ou legais”, os novos desenvolvementos están a abrir unha porta cara un futuro no cal poidamos contar con animais eficientes, produtivos e que se adapten ás novas tendencias que implican maior benestar e máis coidado do medio ambiente. “É só cuestión de tempo”, sentenciou.

Xa pola tarde tivo lugar un bloque temático que xirou ao redor da recuperación e ordenación do territorio, así como das propiedades do leite. A primeira intervención, que abordou a utilización dos instrumentos de recuperación de terras para a mellora da base territorial das explotacións de vacún de leite, correu a cargo da directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural (Xunta de Galicia), Inés Santé. En concreto, a Lei de recuperación da terra agraria é o novo documento de referencia co que conta Galicia dende maio de 2021. Esta norma, que a oradora definiu como “clave para impulsar o desenvolvemento rural na comunidade”, foi o eixe central do seu relatorio, no que detallou en que consiste e explicou algunhas figuras que se acollen ao texto, como as aldeas modelo, os polígonos forestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Santé rematou poñendo en valor esta Lei por ser unha “grande oportunidade para todas as persoas que vivan ou desexen vivir ‘no’ ou ‘do’ rural”.

Logo, subiu ao escenario Javier Caínzos, alcalde do concello coruñés de Curtis, para compartir a iniciativa que están a desenvolver co fin de recuperar e ordenar as terras agrarias. Este proxecto piloto en Galicia, que poñerá en marcha a Consellería do Medio Rural en Curtis, abrangue unha superficie de 3.400 ha e “nace para atender dúas grandes necesidades: a mellora da ordenación dos usos agrogandeiros e o acceso a máis base territorial coa que ampliar as explotacións da zona delimitada”, subliñou.

O encargado de pechar as exposicións técnicas foi o investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria-Galicia Sur Carlos Spuch. “Desmitificar os aspectos negativos dos lácteos” foi un dos parámetros sobre os que baseou a súa conferencia, que arrancou achegando algúns apuntamentos arqueolóxicos sobre a importancia milenaria deste alimento para o ser humano. A continuación, e apoiándose en diversos estudos científicos, enumerou as súas moitas bondades, entre as que salientou o seu efecto redutor da presión arterial ou o feito de que o seu consumo é beneficioso para manter os niveis de colesterol en parámetros adecuados. Por todo isto, describiu tanto o leite coma os seus derivados como “un alimento altamente nutritivo e moi beneficioso para a saúde humana, tal e como sinala a FAO”.

Como xa é costume, estas XIX Xornadas quedaron clausuradas a última hora da tarde co tradicional brinde do leite, no que os organizadores invitaron aos asistentes a subir ao escenario para facer unha foto de familia na que posaron brindando xuntos polo futuro deste sector.