Licenciado en Veterinaria pola Universidade Autónoma de Barcelona, decidiu orientar o seu futuro á investigación e elixiu Canadá para o seu posdoctorado. A pesar de volver a Europa durante dous anos para aproveitar unha bolsa no Reino Unido, leva xa cinco anos investigando sobre benestar animal e comportamento de vacún de engorde na Universidade de Saskatchewan, do Canadá.
En que temáticas están centradas as súas investigacións actuais?
Agora mesmo estamos centrados en temas de monitorear o comportamento dos animais, para tratar de mellorar o diagnóstico de certas enfermidades e optimizar a produtividade con base no seu comportamento e a súa saúde.
Se compara o sector gandeiro do Canadá co de España, que aspectos conformarían a diferenza?
Sorprendentemente, son bastante similares, a pesar de que a industria estea estruturada dunha forma algo diferente. A maioría dos problemas son os mesmos: trastornos dixestivos, trastornos respiratorios, o uso de antibióticos... O que estou a escoitar aquí, as problemáticas da industria e do sector gandeiro non me sorprenden. É practicamente o mesmo.
O que podo destacar do sistema canadense é que a industria contribúe moito máis, dunha forma sistemática, á investigación. Eles son os que lideran ou moven a investigación, que campos queren cubrir e que preguntas necesitan responder. Hai unha interacción bastante interesante entre as universidades e a industria gandeira ou o gandeiro como tal. Proponnos temas que queren resolver e nós ofrecemos as solucións.
Esta relación é moi fluída e moi dinámica. Para a miña profesión é moi interesante.
Cales son eses problemas que expoñen a industria ou o sector?
Case sempre xiran sobre como optimizar os recursos, como facer os animais máis produtivos, como contaminar menos e como mellorar o benestar.
Todo parte tamén das demandas dos propios consumidores e do camiño que van tomando as entidades lexislativas. Tratamos de dar solucións antes de que fagan unha lei respecto diso.
Para o sector do engorde, estamos moi enfocados nos ingredientes que se deben usar nas racións, no manexo nutritivo e tamén en temas relativos á redución do estrés e dos procedementos dolorosos, como a castración ou o descornado. Traballamos para optimizar a produtividade e ser máis sustentables.
Desenvolveu dous relatorios durante o último Congreso de Anembe. En que aspectos os centrou?
En temas de gandería de precisión. Na primeira, centreime en expor as tecnoloxías que existen actualmente, cales son máis prometedoras, cales poden ter un impacto real e inmediato e cales están máis orientadas ao futuro. Na segunda, para ser un pouco máis específico, expliquei como estas tecnoloxías poden usarse para medir o benestar, un tema bastante candente.
Con que ideas clave lle gustaría que quedasen os asistentes ás charlas?
O uso das tecnoloxías é moi prometedor, pódenos achegar solucións a problemas, pero tamén hai que ser realistas e saber que é o que lles podemos pedir e o que nos poden achegar, tanto hoxe en día coma no futuro.
A tecnoloxía non vai ser a solución para todo, ten que ser un investimento que nos dea un valor engadido e que facilite a aplicación desas solucións.
Segundo o que queiramos investigar, debemos analizar que tecnoloxías funcionan realmente, coñecer os seus pros e os seus contras, e ser conscientes do que hai e de cara a onde nos podemos dirixir.
Que se debe ter en conta á hora de saber se unha tecnoloxía vale a pena ou non?
Calquera tecnoloxía é unha combinación de canto nos vai custar implementala e canto pode abarcar na miña granxa. Se nós pomos eses dous compoñentes na ecuación, xa imos ver se nos compensa ou non.
O que hai que destacar é que estas tecnoloxías son cada vez máis baratas, máis versátiles, e teñen máis funcións, co cal o que hoxe é unha realidade, mañá pode cambiar. Por iso, sigo pensando que estas tecnoloxías van ser resolutivas no futuro. Hai que seguir traballando nelas, no desenvolvemento de algoritmos, e imos traballar da man coas compañías que as desenvolven para que sexan beneficiosas para a industria.
Se me preguntas por algunha a destacar que poida solucionar algún problema actual, eu destacaría a banda de castración. Aquí en Europa non é un tema candente, pero alí, que se castran todos os machos, o consumidor e os lexisladores demandan que se achegue máis mitigación da dor, con máis medicamentos ou o que faga falta. Esta banda é algo moi práctico, porque o gandeiro o pode facer por si só. Colócase a banda ou a goma de castración, onde xa vai incluída a anestesia, e isto si que pode ser un beneficio para o benestar do animal. Ademais, o consumidor séntese un pouco mellor ao saber que a industria está a pensar no animal e achegando todo o que pode para tratar de satisfacer as súas demandas neste sentido.