España é o país europeo con maior redución no uso de antibióticos en animais segundo a OCV

España é o país europeo con maior redución no uso de antibióticos en animais segundo a OCV

Con motivo da celebración da Semana do Uso Prudente de Antibióticos, a Organización Colexial Veterinaria (OCV) reafirma o compromiso dos veterinarios coa saúde pública e lembra que España é o país europeo con maior redución no uso de antibióticos en animais no período 2014-2022, con case un 70 por cento, cifra que reflicte unha crecente sensibilización ao respecto.

“Os veterinarios desempeñan un papel crucial nesta loita dende a implementación do Plan Nacional Fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN). Acadamos un descenso do 69,5 % no uso de antimicrobianos en veterinaria dende o ano 2014 ata o 2022, uns resultados que repercutiron positivamente na saúde pública e no medio ambiente. E seguimos traballando baixo o concepto de Unha Soa Saúde para continuar reducindo o seu uso”, destaca a OCV.

Así mesmo, enfatiza que a prevención é a ferramenta máis eficaz nesta loita, xa que se se evita a infección nos animais non é necesario recorrer ao uso dos antibióticos, o que reduce a presión sobre as bacterias e diminúe o risco de que desenvolvan resistencias.

A OCV chama á cidadanía, e especialmente aos profesionais da saúde, a reflexionar sobre o uso adecuado dos antibióticos. “É responsabilidade de todos actuar de maneira consciente e racional, preservando a efectividade destes medicamentos para as xeracións futuras”, conclúe.