Esta mañá o Consello de Ministros aprobou a modificacion do Real Decreto polo que se desenvolve a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación co programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite. A principal modificación é o cambio na definición de "solicitante da axuda", o que implica a variación dos procedementos de selección de solicitantes e do pago das axudas.
Mediante esta reforma establécense dous sistemas para o acceso ao mecanismo: as autoridades competentes poderán xestionar directamente a subministración de froitas e hortalizas e de leite e produtos lácteos aos centros escolares, contratándoo cun terceiro ou a través dun medio propio; ou ben, se así o decide a comunidade autónoma, as autoridades competentes xestionarán indirectamente a subministración, outorgándolle aos centros escolares as axudas dinerarias para que adquiran os produtos, o que se tramitará por medio dun procedemento de subvención.
Así mesmo, e seguindo coas directrices da Comisión Europea, priorizarase a distribución de produtos frescos, aínda que tamén se permite fomentar o consumo de produtos específicos ou responder as necesidades nutricionais particulares dos nenos mediante a distribución de transformados a base de froitas e hortalizas, outros produtos lácteos sen adición de aromatizante, froitas, froitos secos ou cacao, así como doutros produtos agrícolas como aceite de oliva, olivas desósadas de mesa e mel, para a súa degustación no marco das medidas educativas de acompañamento. Garantirase ademais a distribución de produtos locais e rexionais e ás rexións menos desenvolvidas e ultraperiféricas.