Este domingo, a Semana Gandeira de Mazaricos vivirá un dos seus momentos máis esperados coa celebración da XVI Poxa de Xovenas de Raza Frisona Memorial José Moreira. Organizada por Gandeiros de Mazaricos, Africor Coruña e o Concello de Mazaricos, a cita terá lugar no recinto feiral da Picota e contará coa participación de 19 animais seleccionados entre as mellores ganderías da provincia da Coruña.
A poxa reúne animais que foron coidadosamente seleccionados baixo estrictos criterios de calidade. As reses superaron probas sanitarias para descartar enfermidades como a tuberculose, a brucelose ou a neosporose, e contan con altas cualificacións morfolóxicas que garanten a súa lonxevidade, fertilidade e capacidade produtiva.
A organización agarda que esta edición sexa unha das máis exitosas ata o de agora. A poxa comezará ás 11:00 horas e promete ser, un ano máis, un dos grandes atractivos da Semana Gandeira de Mazaricos.