O salón de actos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en Abegondo (A Coruña), foi o escenario escollido pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para reunir expertos de renome internacional especializados no sector lácteo. Máis en Vaca Pinta 49.
A sesión foi inaugurada pola conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, quen destacou a importancia do vacún de leite como motor económico e social en Galicia. No acto de apertura estivo acompañada polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e por Martín Alemparte, director da Agacal.
O encontro comezou coa intervención de Juan José Cerviño, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, que ofreceu unha análise exhaustiva sobre a evolución e a situación actual do sector lácteo galego, subliñando o seu papel clave na produción nacional. “É complicado saber como pode evolucionar o sector nos próximos anos, pero o panorama preséntase bastante ben. Estamos a un nivel de produción moi amplo, cunha reestruturación das granxas importante e cunha adaptación do sector interesante para axustarse ao mercado mundial e á exportación”, resaltou.
O VALOR DOS LÁCTEOS
Posteriormente, John Allen, director de AB Dairy Global, presentou un relatorio centrado en como transformar as ameazas do sector en oportunidades, poñendo en valor a sostibilidade como ferramenta estratéxica. Durante a súa exposición destacou “o valor dos produtos lácteos, tanto desde o punto de vista nutricional como ambiental. Por cada quilogramo de carbono xerado, os lácteos achegan máis nutrientes que calquera outro produto agrícola. É unha das fontes de nutrientes máis accesibles e beneficiosas para o medio ambiente, así que, en realidade, producir lácteos é algo moi positivo”.
Allen tamén alertou os asistentes dalgunhas ameazas para o sector, como que “a pesar das bondades dos lácteos desde o punto de vista nutricional, son moitos os requisitos ambientais que se esixen, coa chamada ‘licenza para producir’, e continuarán esixíndose. Debemos implementar novas estratexias nos nosos procesos para continuar producindo, porque a demanda seguirá aumentando”.
MEDRA A DEMANDA E REDÚCESE A PRODUCIÓN
Precisamente, Andrea Lendewig, directora de investigación e desenvolvemento de IFCN, ampliou esta mesma idea de Allen coa súa charla sobre tendencias mundiais e o mercado lácteo español: “O crecemento da produción de leite diminuíu, sobre todo nas zonas que son principalmente exportadoras de leite, mentres que a demanda, o consumo per cápita, está aumentando nas zonas deficitarias, é dicir, principalmente nos países importadores de leite”.
Segundo Lendewig, as proxeccións do mercado, sen ter en conta ningún cambio que se poida producir, indican que non haberá suficiente leite para satisfacer a demanda crecente. “Os principais produtores, como Europa, están sufrindo moitas limitacións –subliñou–, sobre todo coa parte das regulacións ambientais e os altos custos de produción”.
SOSTIBLES ECONOMICAMENTE
Tras unha pausa para o café, a investigadora de European Dairy Farmers (EDF), Steffi Wille-Sonk, pechou o programa matinal cun relatorio sobre a eficiencia técnica e económica das explotacións lácteas españolas e europeas, compartindo datos comparativos e exemplos de éxito entre os gandeiros membros da asociación EDF.
“As ganderías galegas que participan no noso club logran moi bos resultados, pero, para o futuro, debemos enfocarnos nos resultados económicos. Se non somos rendibles, será difícil sobrevivir”, confirmou Wille-Sonk. Tamén falou da ‘licenza para producir’ e aconsellou que “as ganderías deben ser sostibles desde a perspectiva ambiental, tendo en conta o benestar animal e o benestar das persoas traballadoras e propietarias”.
O PODER DA XENÓMICA
Na primeira intervención da tarde, foi a quenda para Tom Davis, nutricionista principal e cofundador de Kite Consulting. “Creo que a xenómica vai traer grandes cambios porque é unha ferramenta moi poderosa. O 50 % da produción de leite dunha vaca está determinado pola xenética. A dieta é un factor, a xestión é outro, pero, se confías nunha boa xenética, o traballo será moito máis sinxelo”, recoñeceu.
FERRAMENTAS PARA A EFICIENCIA
Ben Helm, director comercial global de AB Dairy, tomou a palabra para presentar formas innovadoras de mellorar a eficiencia e o rendemento en vacas e xovencas.
Resaltou que un dos maiores desafíos aos que se enfrontan as granxas despois da desteta é que o rendemento e a taxa de crecemento dos xatos diminúen. Por tanto, o investimento realizado antes da desteta pode perderse e a idade ao primeiro parto pode prolongarse. “O que podemos facer cos pellets de lactosa –dixo– é eliminar o estrés asociado á desteta, de maneira que os xatos non vexan afectado o seu rendemento. Deste xeito, aceleramos o seu rendemento, non só antes da desteta, senón tamén despois”.
Así mesmo, confirmou que “as encimas axudan as vacas a ser máis eficientes, a producir máis leite, sen que o gandeiro teña que cambiar a ración. É unha solución moi sinxela de usar”.
Antes de finalizar, Jon Bakker, consultor internacional de nutrición de Duynie (Cooperativa Royal Cosum), expuxo o relatorio titulado “Opcións dispoñibles para mellorar a eficiencia e a sostibilidade na granxa”. En relación á empresa holandesa Friesland Campina, detallou como exemplo que “os gandeiros contan cun par de puntos que poden alcanzar en relación coa sostibilidade, a biodiversidade e o benestar animal. Entre outras cousas, esta industria ofrece un bono de ata 1,5 euros por cada 100 quilos de leite se se logran uns requisitos determinados en canto á pegada de carbono”.
Amosouse convencido de que o sector gandeiro está disposto a ir máis aló dos seus propios límites e que esta é unha “calidade importante para ser un emprendedor preparado para o futuro e para adaptarse ás demandas que está a impoñer a sociedade”.
A xornada concluíu cunha mesa redonda, na que todos os relatores resumiron os principais puntos tratados e ideas prácticas para aplicar nas explotacións.