O Edificio CINC da Cidade da Cultura foi o escenario escollido pola Xunta de Galicia para reunir por primeira vez expertos da rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR) a nivel internacional. As xornadas tiveron lugar os días 12 e 13 de xuño. Ver máis en Vaca Pinta 46.
O director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte, e o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, inauguraron o encontro.
Durante a súa intervención, Alemparte destacou o traballo levado a cabo pola Axencia nesta materia e puxo de relevo o obxectivo das xornadas, centradas en poñer a disposición do sector un completo monográfico sobre esta enfermidade para “compartir coñecemento e realidades”. Pola súa parte, Cerviño subliñou a importancia da remuda xeracional no ámbito da veterinaria a favor da sanidade animal e, neste sentido, engadiu que “os profesionais do sector temos que mostrarlle á xente nova que existen saídas no campo, como veterinarios de grandes animais”.
DISPARIDADE NAS REXIÓNS
O doutor en Veterinaria e responsable do Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia, Ignacio Arnaiz, encargouse do primeiro relatorio e deu a coñecer o programa oficial da IBR en Galicia e a situación da comunidade galega, completamente diferente a outras zonas do territorio nacional. “Temos as bases para dar un paso máis –resaltou–, pero debemos contar agora co apoio do sector lácteo e do sector cárnico, o que faría que avanzásemos o suficiente”.
Seguidamente, subiu ao estrado Elena Villacieros, xefa do Servizo de Epidemioloxía do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), para compartir os puntos clave do programa nacional, que se aplica de xeito voluntario desde finais do 2019. Modificouse unha vez a finais de 2021 e prevese que se volva a modificar o próximo ano para adaptalo á situación actual, cuxo principal hándicap é o seguinte: “Hai rexións que levan moitos anos traballando nun programa autonómico e outras que nin comezaron co seu control, o que nos xera unha dificultade enorme á hora de fixar requisitos comúns”.
CASOS EUROPEOS
En referencia ao panorama internacional, profesionais procedentes de Alemaña, Irlanda, Francia e Bél-xica compartiron cos asistentes en que punto se atopan e as medidas do control oficial da IBR nos seus respectivos países.
O doutor Karsten Donat, director do Thüringer Tierseuchenkasse de Alemaña, explicou que o control oficial da IBR no seu país comezou en 1997 e que o recoñecemento da Unión Europea como libres de IBR foi rexistrándose rexión por rexión desde 2009 ata 2017.
Entre os elementos fundamentais para a súa regulación enumerou: “As probas serolóxicas anuais e obrigatorias para os bovinos maiores de 9 meses, a definición de ‘establecemento libre de IBR’ e gando ‘libre de IBR’, a prohibición do comercio de animais seropositivos, a vacinación ou as medidas obrigatorias en caso dun brote”.
Desde Animal Health Ireland, de Irlanda, participou no encontro a directora dos plans da BVD e da IBR, María Guelbenzu. Cunha situación radicalmente diferente á de Alemaña e unha prevalencia dun 80 % de explotacións con tanques de leite positivos ao test marcado, en Irlanda comezaron a desenvolver unha proposta de programa para controlar e erradicar a IBR. Guelbenzu resaltou que “se está negociando como vai ser o programa, pero no proxecto participará un grupo de actores implicados, incluída a industria”.
Noutra fase atópase Francia, cun programa xa avanzado e co punto de mira no 2027, ano no que contan alcanzar o status de “libres de IBR”.
David Ngwa-Mbot, da Fédération Nationale des Groupements de Défense Sanitaire, detallou os plans que se levaron a cabo no seu país desde os anos 90. “A partir de 2006 implantouse un dispositivo de loita e púxose en marcha unha regulación obrigatoria para a vixilancia e a prevención dos rabaños”, indicou o francés.
O último caso europeo que se deu a coñecer nas xornadas foi o de Bélxica. Para isto, contouse coa presenza de Jean-Yves Houtai, de ARSIA asbl.
O programa belga de control da IBR comezou no ano 2007 de forma voluntaria e converteuse en obrigatorio en 2012, “xa que neste ano o 39,6 % do gando belga estaba infectado e recibira o status IBR 2; desta forma, impuxéronse vacinacións repetitivas con vacinas marcadas”, explicou. En 2021, o marco legal adaptouse coa entrada en vigor da Lei de Sanidade Animal, que require que Bélxica alcance o status de libre da enfermidade en 2027.
Houtai resumiu que “a finais deste mes de maio, a proporción de animais libres en Bélxica era do 96,7 % e que, para conseguir suprimir a enfermidade, os rabaños infectados terán que eliminar os seus portadores latentes antes de finais deste ano”.
A SITUACIÓN, A DEBATE
Durante os días de encontro celebráronse, ademais, catro mesas redondas nas que se logrou moita participación e debate entre todos os presentes.
O primeiro día, unha delas centrouse na situación do programa oficial de control da IBR en España, na que participaron Elena Villacieros, do MAPA; Elena Díaz, da Consellería de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno de Cantabria; Carles Riera, do Departamento de Acción Climática, Alimentación e Axenda Rural do Goberno de Cataluña; Jesús Javier Orejas, da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, e Gloria Martínez, da ADSG Xundeva, como moderadora.
A segunda mesa redonda, que contou con Rubén Villalba, do Laboratorio Nacional de Referencia da IBR-LCV Algete; Karsten Donat, de Thüringer Tierseuchenkasse; María Guelbenzu, de Animal Health Ireland; Carmen Eiras, do Laboratorio de Sanidade Animal de Galicia, e Carmen Calvo, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, como moderadora, dedicouse ás dificultades de diagnose en laboratorio da IBR.
Abordar a situación global da IBR en Europa foi o tema principal da terceira das mesas, moderada por Juan Carlos Laxe, de ADSGestión, e protagonizada polos relatores María Guelbenzu, Jean-Yves Houtai, David Ngwa-Mbot, Karsten Donat e Elena Villacieros.
O último debate, dirixido por Ignacio Arnaiz, puxo o foco no uso de vacinas de IBR nos plans de erradicación. A esta mesa foron invitados Sergio Rodríguez, de Vetia; Nacho Peón, de Zoetis; Iván Mato, de Hipra, e Laura Elvira, de MSD Animal Health.
O foro internacional, con grande éxito de participación, foi clausurado por Manuel López, subdirector xeral de Formación, Innovación e Investigación Agraria, quen agradeceu a todas as partes implicadas na organización do evento e finalizou a súa intervención cun resumo claro: “Temos un reto importante e é que debemos facerlles comprender aos gandeiros o beneficio económico de vixiar e controlar esta enfermidade, así serán eles mesmos os que demanden este tipo de programas sanitarios”.