F. Estellés: "En gandaría hai análises moito máis completas que noutros sectores; estase a traballar moi ben"

Fernando Estellés, investigador do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía Animal da Universidade Politécnica de Valencia, foi outro dos presentes nas XIX Jornadas Técnicas de Vacuno de Leche de Seragro, tratadas no número 35 de Vaca Pinta. A súa exposición afondou na relación do sector agrogandeiro e o seu impacto na pegada de carbono.

 

Cales son os conceptos básicos que hai que asociar á pegada de carbono?

A pegada de carbono non é máis que unha forma de tentar medir a contaminación, ver cal é a contribución do noso produto ao cambio climático. O máis interesante é que nos permite coñecer que é o que máis afecta e, polo tanto, saber onde podemos reducir e que medidas debemos tomar para ser máis eficientes.

É o sector produtor o máis contaminante?

Non, non o é. O que ocorre é que temos a “teima de comer” e producir alimentos ten un impacto. A verdade é que hai outros sectores que teñen moito máis impacto. Por exemplo, o 70 % das emisións de gases de efecto invernadoiro veñen de producir enerxía. É certo que parte desta enerxía a gastamos na produción e en procesar os alimentos, pero quizais a agricultura non debería ser a principal atacada. Desde logo hai que aplicarse, reducir as emisións, mellorar e ser máis eficientes, pero non fai falta criminalizar. En gandería hai análises moito máis completas que noutros sectores, estase a traballar moi ben, fixéronse os deberes para saber exactamente que impacto ten cada unha das producións.

Se a gandería vai no bo camiño, por que é un dos sectores máis atacados?

O sector gandeiro en xeral está a pagar os pratos rotos, non se entende por que se trata de que asuman tanta responsabilidade. En concreto, atácase moito ao vacún, será polo seu tamaño, pero non nos esquezamos de que son animais de reciclaxe, capaces para comer o que nós non podemos aproveitar, e que nos dan leite e carne. Está a sinalarse á gandería, pero hai outros sectores con moito máis impacto e menos necesarios que este, que é imprescindible, xa que traballa para xerar alimentos de calidade.  

Na súa charla fixo unha comparativa entre sistemas extensivos e intensivos. Pódese afirmar con seguridade cal é menos contaminante?

Está a traballarse niso a nivel científico, pero polo momento non podemos dicir que un sexa mellor que outro porque ambos teñen vantaxes e desvantaxes. O sistema intensivo é moito máis eficiente, ao final prodúcese máis con menos recursos, mentres que en extensivo se aproveitan recursos de peor calidade ou se teñen animais con menos produción, pero tamén se reciclan os nutrientes moito mellor. O que temos que entender é o valor de mellorar para reducir a pegada. En xeral, e sempre o digo, reducila adoita implicar ser máis economicamente sustentable, gañar máis diñeiro e gastar menos.

Que factores habería que ter en conta para tratar de compensar o noso impacto ambiental?

Ser capaces de producir máis con menos. Isto pasa por ter menos animais secos; evitar, na medida do posible, ter animais enfermos; ter menos recría; coidar máis os animais e que sexan máis lonxevos; controlar mellor que non se estrague o alimento… Tamén se poden adoptar medidas como reciclar mellor o esterco, utilizar subprodutos na alimentación etc. Hai unha batería moi grande de medidas, pero eu penso que o mellor é ser o máis eficiente posible dentro do sistema de cada un.

Está o sector, en xeral, concienciado sobre a importancia de ser máis eficiente?

Aínda fai falta traballar, pero estamos no bo camiño. Creo que todos nos demos conta de que o clima está a cambiar, de que as condicións empeoran e de que hai que arrimar o ombreiro para paliar a situación. Hai moita xente que xa empeza a ter dentro dos seus obxectivos de granxa ser máis eficiente ambientalmente. Creo que ese é un bo paso.