F. Mazeris: “A maneira en que se utilicen os datos é o que pode facer destacar unha granxa”

Nesta entrevista publicada en Vaca Pinta 41 conversamos co director da compañía holandesa Dairy Data Warehouse, especializada na análise de datos no sector lácteo, Fernando Mazeris, sobre os últimos avances en canto a tecnificación e xestión de datos en gandería.

Que tipo de labor desenvolven no referente á análise de datos en granxa?
A nosa compañía dedícase a traballar con datos de explotacións leiteiras de forma global e a achegar valor a estes datos desenvolvendo algoritmos de intelixencia artificial cuxo obxectivo é axudar aos gandeiros a incrementar o rendemento das súas granxas. Isto contribúe, ao mesmo tempo, a mellorar a súa sustentabilidade e a xerar todo tipo de beneficio para potenciar a eficiencia produtiva.

A que nivel diría que está a tecnificación en España en comparación con outras zonas de Europa?
Non coñezo España como para poder establecer unha diferenza cos países nórdicos. Si podo dicir que, no norte de Europa, tanto en Escandinavia coma en Holanda, estas tecnoloxías estanse a utilizar desde hai máis anos que no resto do mundo en xeral.
Na actualidade hai moitísima tecnoloxía que chega ás granxas e iso significa unha gran colección de datos. A forma en que se utilicen eses datos é o que pode facer destacar a unha granxa, facela moito máis produtiva que outra. Con isto non me refiro soamente a como os manexe o gandeiro, senón tamén o seu equipo de asesores: o seu nutrólogo, o seu veterinario...

Que áreas identifica como as máis innovadoras no que se refire a tecnificación dentro da granxa?
O máis destacable respecto do que estivo acontecendo nas ganderías de leite é a incorporación masiva de sensores que permiten monitorizar diferentes parámetros fisiolóxicos do animal e, despois, utilizar esa información para determinar o estado das vacas e como proceder con elas. 
Nós utilizamos eses datos, que están no computador do gandeiro, para axudalos a sacarlle máis proveito, valorizamos eses datos, e para iso utilizamos ferramentas de intelixencia artificial, especificamente a tecnoloxía de aprendizaxe profunda. Por exemplo, unha das ferramentas que nós utilizamos serve para predicir a aparición de certas enfermidades nas vacas ao momento do secado. Predicimos cal é a posibilidade de que eses animais enfermen na lactación seguinte. Isto permítelles ao gandeiro e ao seu asesor deseñar estratexias preventivas para evitar que suceda. Desa maneira, diminúese o seu potencial impacto e, ao aumentar a saúde dos animais, promóvese un incremento na produción.


 “Creo que o uso da IA na granxa se vai masificar notoriamente, como acontece en moitas outras actividades”

Interveu como relator na última edición do Congreso Anembe, onde falou do impacto da IA na gandería. O seu emprego será cada vez máis habitual?
Si. Creo que o uso da IA na granxa se vai masificar notoriamente, como está a acontecer en moitas outras actividades. Nós usamos intelixencia artificial todos os días en distintos ámbitos, xa sexa para seleccionar que película ver ou para ir dun lugar ao outro e evitar o tráfico. É constante. 
Durante a miña charla, presentei unha pequena analoxía coas tecnoloxías que se usaron no Mundial de Fútbol de Qatar: da mesma maneira que un árbitro ten que decidir que é falta, un gandeiro debe identificar se esta vaca vai enfermar ou non, se este animal ten que deixar a granxa ou quedar, cal é máis ou menos produtivo...

Diría que se están xestionando de maneira correcta este tipo de datos na actualidade?
Unha cuestión moi importante é que estas aplicacións que se están desenvolvendo teñen que ser extremadamente fáciles de usar, teñen que simplificarlle a vida á persoa que as usa e non ao contrario. 
Por exemplo, nós damos a opción de que o usuario reciba a información das predicións por WhatsApp, por SMS ou por e-mail, o que lle sexa máis conveniente e á hora que mellor lle vaia. Pode configurar máis ou menos alarmas en base a como de sensible quere que sexa a ferramenta á hora de identificar animais que requiren de atención.
Todo isto é esencial para que haxa unha óptima utilización destas novas tecnoloxías, tanto por parte dos propietarios das granxas como polos asesores. O rol do veterinario segue sendo moi importante para achegar o contexto adecuado ás aplicacións e poder, á súa vez, sacarlle todo o proveito.

Neste sentido, fai falta máis formación no campo das novas tecnoloxías para os profesionais do sector?
Si, pero polo menos como primeira medida hai que perderlles o medo. Na miña charla preguntáronme sobre o nivel de preparación que deberían ter os gandeiros para poder adaptarse a estas ferramentas e eu manteño que de ningunha maneira creo que vaia ser necesario que haxa un científico de datos nunha granxa. Ese non é o propósito, pero si hai que entender realmente como funciona o concepto, cales son as limitacións, saber que non hai que obedecer cegamente o que unha aplicación electrónica di. É importante ter en conta todo isto e, para iso, é fundamental a formación dos profesionais.