O responsable do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, visitou as instalacións da fábrica de Clesa (unha das marcas de CLUN). Esta visita chega despois do anuncio de CLUN no que afirma que sobe o prezo do leite de orixe, con carácter retroactivo, aplicable a partir do 1 de xullo. Durante a visita garantiu o compromiso co sector agroalimentario reflectido na Lei de recuperación da terra agraria e na Estratexia do lácteo. Engadiu que a Xunta está a constatar, a través da Manifestación de Interese de proxectos do sector primario e agroalimentario, a gran demanda de base territorial que teñen os gandeiros galegos.
O presidente lembrou que a Estratexia do lácteo, elaborada en consenso co sector, ten como obxectivos consolidar a comunidade galega como un territorio líder en produción láctea, chegando a transformar o 75 % do leite que se produce en Galicia; mellorar a posición dos produtos no mercado nacional, impulsando a internacionalización, e reforzar as relacións entre os axentes da cadea de valor.
E ante o incremento dos custos de produción, no que respecta á subida da enerxía, Feijóo demandou unha regulación e unha baixada do prezo de forma inmediata; así como un esforzo de todas as cadeas de valor para contemplar uns prezos xustos do leite.