A XXXVII edición de Feiradeza, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de xullo no multiusos Lalín Arena (Lalín, Pontevedra), contará coa participación de animais da raza Rubia Galega. Haberá un concurso e tamén formarán parte da poxa de gando que se levará a cabo durante o certame.
Na xornada de onte, o gandeiro lalinense Ramón Cuiña e o concelleiro de Agricultura, Avelino Souto, mantiveron unha reunión co presidente da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), César Dorado, e a secretaria, Laura Arias, na que pecharon a participación de animais desta raza na feira.
O concelleiro resalta que "sen dúbida, é unha das novidades desta edición, posto que lle dará un impulso a Feiradeza e traerá unha importante cantidade de animais de alta calidade. Ademais, desta maneira representamos e damos apoio aos produtores de carne da nosa localidade".