A Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, celebrará, do 20 ao 22 de febreiro, a súa quinta edición. O recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, situado no municipio pontevedrés de Silleda, converterase novamente nun punto de encontro de empresas, colectivos e profesionais do sector agropecuario.
A organización comeza o 2025 reforzando os seus preparativos para ofrecer aos agricultores e gandeiros un espazo referente en innovación. O equipo da entidade feiral está inmerso na comercialización dunha área expositiva, que contará cunha gran variedade de produtos e novidades de todos os ámbitos.
Estarán presentes materias como a sanidade e hixiene animal; ademais da nutrición, fertilizantes e sementes, xenética, animais vivos, equipamento para a agricultura e a gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria de recolección e post-recolección, de preparación do solo, da sementeira e abonado, de protección de cultivos e rego, xunto con outros compoñentes e accesorios.
Do mesmo xeito, estase a completar o deseño do programa de actividades desta nova convocatoria. Os asistentes poderán descubrir novidades e analizar a actualidade a través de xornadas técnicas, demostracións, presentacións e concursos.
Con respecto ao certame de animais, o 17 de xaneiro remata o prazo para inscribirse no Concurso Autonómico da Raza Frisona Fefriga e no Open Internacional da Raza Frisona GandAgro. O 3 de febreiro é o día límite para anotarse nos de manipuladores e preparadores.