Véñense de rematar as obras de construción do novo Banco de Xermoplasma do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Esta actuación optimiza e mellora o actual banco de recursos fitoxenéticos do centro e busca consolidar a posición de referencia que ten para o sector primario galego en horta e froita de material xenético autóctono.
As obras estiveron centradas na ampliación e mellora das infraestruturas e na renovación dos equipamento e sistemas de conservación de material vexetal. Esta actuación permitirá levar a cabo programas de conservación, investigación e mellora xenética para a obtención de variedades de cultivo con colleitas máis valiosas, polas cantidades producidas e polas calidades organolépticas e nutricionais sobresaíntes, ou pola súa resistencia a pragas e enfermidades e ao estrés hídrico ou nutricional.
O Banco de Xermoplasma do CIAM conserva actualmente preto de 700 variedades autóctonas e liñas puras de millo, numerosas accesións de froiteiras, unha colección de pratenses con máis de 2.500 entradas dunhas 100 especies diferentes, outra de cereais de inverno ou ata 275 variedades locais de 14 especies hortícolas diferentes.