A Asociación EFA Fonteboa presentou o seu programa de actividades de formación continua para os primeiros meses do 2023, de xaneiro a marzo. Entre elas, destacan dentro do sector o curso de reprodución bovina e o Foro Empresarial Lácteo para a consolidación e o emprendemento.
Durante os días 24 e 25 de xaneiro desenvolverase o curso de reprodución bovina, no que colaboran varias ganderías da zona. A actividade está dirixida aos alumnos de 1º CFGM de Produción Agropecuaria, aínda que tamén hai algunhas prazas dispoñibles para profesionais. Trataranse temas como a inseminación artificial e a mellora xenética.
Por outra banda, desenvolveranse tres sesións os venres 27 de xaneiro, 3 de febreiro e 10 de febreiro coa finalidade de contribuír á consolidación das empresas lácteas e a innovación e o emprendemento dentro das mesmas. Os contidos tratarán sobre produción de leite nun contexto de globalización e de segmentación de mercados, estratexia empresarial e indicadores de eficiencia, todo cunha metodoloxía participativa baseada en estudo de casos e coa aportación de expertos. As prazas inicialmente previstas son 20 e reservaranse por orde de inscrición no formulario establecido.
Outros cursos que están previstos ao longo deste primeiro trimestre do ano teñen que ver con técnicas de produción da pataca, fruticultura ou apicultura, entre outros.