A Asociación EFA Fonteboa organiza en tres mércores consecutivos o III Foro Empresarial Lácteo. As persoas interesadas poden inscribirse co compromiso de asistir ás tres sesións, que se desenvolverán o 22 e o 29 de xaneiro e o 5 de febreiro no Edificio Municipal de Usos Múltiples do concello coruñés de Coristanco. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de matrícula.
Entre os obxectivos do encontro atópase o de analizar as tendencias para mellorar as decisións empresariais nas granxas de leite; potenciar a xestión estratéxica baseada na sustentabilidade económica, ambiental e social; ademais de fomentar o diálogo e a cooperación entre os actores da cadea de valor.
O 22 de xaneiro, o gandeiro e veterinario Juan Manuel Fiz Benito exporá a organización e a xestión interna da granxa. José Luis Acción (Fogga), Alberto Méndez (Tragsatec) e Javier Recarey (Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia) disertarán sobre as axudas da PAC. Para rematar, Jesús Combarro, director de banca sectorial de Abanca, explicará as últimas novidades sobre a financiación do sector agrario.
O 29 de xaneiro, o conselleiro de Quescrem José Luis Antuña describirá a situación dos mercados e as adaptacións da xestión das granxas. Posteriormente, Miguel Ángel Ariño (IESE) establecerá un coloquio sobre a toma de decisións nas empresas. Para rematar o día, a catedrática de Pediatría e Presidenta da Fundación Española de Nutrición, Rosaura Leis, presentará o Libro Branco dos Lácteos.
O 5 de febreiro, José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, abordará os actores que interveñen na cadea láctea. Máis tarde, representantes da distribución participarán nunha mesa redonda, que estará moderada polo xornalista Xoán Ramón Alvite.