Galicia demanda ao Goberno central que actúe de inmediato en favor da viabilidade do sector lácteo

Galicia demanda ao Goberno central que actúe de inmediato en favor da viabilidade do sector lácteo

O pasado venres a Consellería do Medio Rural presentou a representantes dos gandeiros un informe no que se demostraba unha situación de venda a perdas xeneralizada no sector lácteo galego provocada polo incremento dos custos de produción. Tras esta reunión, a Xunta, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas subscribiron un acordo conxunto coas demandas de Galicia para garantir a viabilidade e sustentabilidade deste eido estratéxico da comunidade, que xa foi trasladado ao Ministerio de Agricutura, Pesca y Alimentación (MAPA).

Neste documento propóñense unha serie de medidas para atallar a actual situación. A primeira delas é insistirlle ao MAPA co fin de que promova un grande acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros a nivel nacional para incrementar o prezo actual dos contratos de venda de leite cunha prima de emerxencia que garanta a viabilidade do sector. Debería ser de 4 céntimos por litro de leite, cun tope de 41 céntimos, e manterse durante todo o ano 2022. 

Outra das accións que se solicitan dende Galicia ao Ministerio pasan porque habilite de inmediato mecanismos de control para frear a venda a perdas e que contribúa co financiamento necesario para que as comunidades poidan desempeñar as súas novas competencias nesta materia. Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia xa anunciou que vai crear a súa propia Axencia de Información e Control Alimentario, pero precisa eses fondos para poñela en marcha.

Ademais, no devandito documento tamén se lle solicita ao MAPA que se recoñezan na normativa estatal plataformas informáticas de organismos públicos como medio de proba do custo efectivo de produción, como é o caso da galega Conta Láctea. A implantación desta ou outras ferramentas semellantes permitiría emitir informes e fixar índices de referencia sobre os custos de produción medios por extractos de explotación e reforzaría, consecuentemente, a posición negociadora dos gandeiros.

Por último tamén se expón neste documento que, para fomentar a creación de organizacións de produtores lácteos (OPL), é preciso que se reduza a 50.000 toneladas anuais o límite da produción mínima que se require para o seu recoñecemento, especialmente en comunidades nas que as explotacións teñen un tamaño reducido, como é o caso de Galicia.

O texto conxunto de Galicia vai asinado polo propio conselleiro do Medio Rural, José González; polo secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; pola vicerresponsable do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez, por delegación da secretaria xeral desta central, Isabel Vilalba; polo presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello; pola presidenta da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Carmen Rodríguez, e polo coordinador da Federación Rural Galega, Manuel da Cal.

Tendo en conta a transcendencia dos temas propostos, o conselleiro do Medio Rural, José González, solicitou unha reunión presencial co ministro Luis Planas, para abordalos coa maior urxencia posible.