Galicia exporta a Portugal o seu modelo de seguridade alimentaria para animais

Galicia exporta a Portugal o seu modelo de seguridade alimentaria para animais

Galis, o sistema de seguridade alimentaria creado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), deu o salto internacional coa incorporación da súa primeira fábrica de pensos fóra de España. Trátase de Cevargado, unha firma situada no norte de Portugal, no distrito do Porto, que dende agora someterá as materias primas coas que elabora os seus pensos aos controis de seguridade que realiza Galis desde 2005.

A adhesión de Cevargado a Galis prodúcese en virtude do convenio de colaboración asinado polo director de Agafac, Bruno Beade, e o director xeral de Cevargado, Pedro Manuel Cõrte-Real Alves Pereira, e marca un punto de inflexión na traxectoria deste sistema de control sectorial, o único que hai en Galicia e un dos máis importantes de España.

"A incorporación de Cevargado é todo un reto para o sistema Galis e a demostración de que o traballo rigoroso e eficiente tamén traspasa fronteiras", explicou Bruno Beade tras a firma do acordo. Neste sentido, os representantes de Agafac e de Cevargado sinalaron que o convenio non só permitirá reforzar os controis de seguridade dos pensos, senón tamén poñer a disposición da empresa portuguesa toda a infraestrutura e a tecnoloxía en seguridade alimentaria de Galis.