Máis de 600.000 animais, correspondentes a preto de 18.000 explotacións, foron xa vacinados en Galicia fronte a doenza da lingua azul a través da campaña posta en marcha pola Xunta de Galicia. Así o trasladou o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, nunha reunión celebrada esta semana con medio cento de directivos e veterinarios das asociacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia, entidades que colaboran, precisamente, na campaña de vacinación que continúa arestora.
Deste xeito, Galicia consolida a súa condición de referente en materia de sanidade animal, un fito de especial interese para os gandeiros á hora de aumentar a rendibilidade das súas explotacións. Así, o excelente nivel sanitario actual da cabana da nosa comunidade outórgalle ao sector gandeiro galego unha posición de vantaxe competitiva respecto doutras autonomías ou países á hora de comercializar os animais ou os seus produtos.
A maior parte dos animais vacinados fronte a lingua azul foron bovinos (case 590.000), de preto de 16.500 explotacións. O resto corresponde a ovinos (case 20.000 exemplares, dunhas 1.200 explotacións). En canto ás previsións para o futuro inmediato, o director xeral indicou que a vacinación completarase ao longo do verán na inmensa maior parte dos concellos galegos.
Vacinación obrigatoria
Neste contexto, a vacinación fronte esta enfermidade do gando é obrigatoria nos animais da especie ovina e bovina maiores de tres meses, sempre que se localicen na zona restrinxida (como é o caso de Galicia). Ademais, consonte á normativa, é responsabilidade da persoa titular da explotación realizar a vacinación, a través do persoal veterinario autorizado correspondente. Malia isto, para facilitar a vacinación e apoiar o sector gandeiro, a Consellería do Medio Rural estableceu un sistema público de vacinación, totalmente gratuíto e que se está desenvolvendo ao longo de toda a comunidade autónoma.
Para a posta en marcha deste sistema público de vacinación, a Xunta destinou ata o de agora arredor de 3 millóns de euros e está previsto investir este ano outros 6 millóns máis, segundo subliñou tamén o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.