KICAP é unha iniciativa promovida pola Fundación Juana de Vega, que pon en valor a innovación do sector agrogandeiro a través da Política Agraria Común (PAC). Galicia e Portugal colaboran nesta iniciativa que, baixo a lema "Impulsando o coñecemento e a innovación no rural co apoio da PAC", se executa ata o próximo mes de xullo de 2023 no ámbito da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O proxecto busca aumentar o coñecemento sobre as liñas de traballo da PAC, en especial ao redor da súa contribución á innovación no agro, ademais de informar á sociedade en xeral e, en particular, ao sector primario sobre a situación actual dos Sistemas de Coñecemento e Innovación Agrícolas (AKIS).
Ao longo dos próximos meses, o proxecto KICAP organizará unha serie de eventos e publicacións para explicar a contribución e medidas de apoio da PAC á innovación e modernización do sector agrario e as zonas rurais. Neste sentido, realizaranse seis seminarios nos que se prevé a participación de 360 estudantes duns 14 centros escolares de Galicia e Portugal, en gran parte vinculados á formación de futuros agricultores e gandeiros.
Durante a execución do proxecto KICAP, a Fundación Juana de Vega contará co apoio dun Comité Asesor composto por expertos do ámbito da investigación e da transferencia de coñecemento para o desenvolvemento rural tanto de Galicia como de Portugal, que participarán na revisión dos aspectos técnicos e estratéxicos do proxecto.