Cun rabaño que roza as mil cabezas, os catro socios da SAT Busto Corzón seguen con tanta ilusión como ao principio e teñen listo xa o seguinte proxecto para a súa gandería, co que contan manter unhas 200 vacas máis. José Manuel Fernández recibiunos en Mazaricos para compartir connosco cales son os puntos imprescindibles para o progreso do seu negocio.
Localización: Mazaricos (A Coruña)
N.º total de animais: 987
Vacas en muxidura: 500
Media de produción: 42,5-43,5 l/vaca/día
Porcentaxe de graxa: 3,70 %
Porcentaxe de proteína: 3,50 %
Venda do leite: InLeit
Un equipo contento co seu día a día, unhas instalacións cómodas, unha boa xenética nos animais e unha forraxe de calidade son os catro alicerces nos que se asenta a xestión da sociedade coruñesa SAT Busto Corzón, creada en 2005 por catro socios.
Catro persoas –o matrimonio formado por Mariana Capelo e José Manuel Fernández; José Manuel Antelo e José Antonio Moledo–, procedentes de tres explotacións familiares da localidade de Mazaricos, sabían que para quedar no sector e optar a mellores condicións de vida que as que viviran cos seus pais terían que buscar unha alternativa.
“Viaxamos a Francia –explica José Manuel Fernández– e vimos como eran as sociedades gandeiras, como funcionaban cos horarios e como a súa calidade persoal era moito mellor que a que nós coñeciamos. Así, volvemos a Mazaricos coas ideas claras e convencidos de que aquilo era algo que podía ter futuro”. Grazas a esta experiencia naceu a SAT Busto Corzón.
Tras case vinte anos de crecemento, coidan actualmente dun total de 987 cabezas e para o muxido móvense ao redor das 500 vacas.
En cifras de produción están a alcanzar unha media de 42,5 ou 43,5 litros por vaca e día ao longo de todo o ano e, en canto a calidades, aproxímanse ao 3,70 % de graxa e ao 3,50 % de proteína.
VALOR AO EQUIPO
Ademais dos catro socios, na gandería traballan outras nove persoas e “crear un bo ambiente” é un dos obxectivos de José Manuel Fernández.
El mesmo destaca que “o primeiro é poder contar cun bo equipo, que lle guste o que fai, porque nas ganderías hai que estar os 365 días e, aínda que temos as nosas quendas, días libres e vacacións, alguén sempre debe estar aquí”.
Orgulloso do grupo que conseguiron a pesar de todas as dificultades que existen hoxe en día para atopar persoal, “non só na gandería –sinala– senón en todos os sectores en xeral”, recoñece que este factor lles axuda a seguir investindo en melloras e “anímanos moito de cara ao futuro”.
Ser numerosos permitiulles organizar o traballo para lograr os tres muxidos e están muxindo as súas 500 vacas ás cinco da mañá, á unha da tarde e ás oito da noite.
“A produción é moitísimo maior que con dous e iso fai que a empresa sexa máis rendible, aínda necesitando máis persoal”, admite o gandeiro.
Moxen nunha sala de 44 puntos, 22 de cada lado, con retiradores automáticos e identificación dos animais a través de colares. “Con eles temos o rabaño totalmente controlado, en canto a enfermidades, actividade, ruminación e celos”, resalta.
Entre os protocolos da rutina de muxido, Fernández destaca o secado selectivo, co que comezaron a traballar xa hai catro anos. “Ao principio –lembra– dábanos un pouco de medo, pero o resultado é moi bo. As vacas están moi ben, non hai ningún tipo de problema. Ademais, gañamos en tranquilidade”.
AMPLITUDE E COMODIDADE
Se para José Manuel o equipo é fundamental, as instalacións son tanto ou máis, “xa que as vacas deben estar cómodas e necesitan poder moverse libremente, con bos accesos á bebida e á comida”.
A amplitude das naves non só mellora a calidade de vida dos seus animais senón tamén a dos empregados, “que realizan mellor as súas tarefas, de maneira máis áxil e rápida”, asegura.
A granxa divídese en dúas grandes naves: unha, para a recría ata os catro meses, e outra, a principal, para o resto dos animais.
Na parte de recría atopámonos as xatas lactantes e os xatos machos que se destinan á venda.
Na nave principal distínguense outras nove zonas: xovencas para inseminar, xovencas preñadas, primíparas en lactación, alta produción, baixa produción, posparto, preparto, secas e recría desde os 4 aos 10 meses.
En ambas deron moitísima importancia á ventilación das súas frisonas. “En épocas estivais, as vacas pasábano moi mal, non comían igual e as baixadas de leite eran considerables; a maiores, notabamos perda de fertilidade e aumento de coxeiras”, recoñece José Manuel, quen asegura que, tras comprobar estes problemas, deron o paso de incorporar un sistema de ventilación con ventiladores de helicóptero nas zonas de camas e con ventiladores verticais combinados con chorro de auga polas liñas de comedeiro.
“Está todo controlado por unhas centrais que miden o THI (Índice de Temperatura e Humidade) e é impresionante ver como funcionan e como responden as vacas. Estamos moi contentos”, sentencia.
AREA VS. CAMA QUENTE
En Busto Corzón manexan tres tipos de cama: a cama de palla para a recría máis nova, a cama fría en area para todas as vacas de leite e as xovencas, e a cama quente para posparto, preparto, secas e recría entre 4 e 10 meses.
En cada muxido, limpan as camas de area e os bebedoiros. “Arámolas dúas veces ao día para airear e refrescar”, concreta. A cama quente renóvana dúas veces por semana e trabállana cunha grade outros dous días.
Por unha banda, afirma que “a cama de area é unha boa cama, non dá problemas e non sae cara”. Por outra banda, da cama quente asegura que “implica outro tipo de coidado, un pouco máis de traballo, e é un pouco máis cara. Aínda así non me imaxino a miña granxa sen unha cama quente, porque as vacas en posparto arrincan moi ben e, se tes unha vaca con algún tipo de problema, recupérase moito mellor, pois están máis cómodas”.
A limpeza dos corredores está programada a través de arrobadeiras que pasan automaticamente cada dúas horas e media e que arrastran todo o xurro cara a unha fosa de 13 millóns de litros. “Isto permítenos –apunta– non estar sempre preocupados, acumular todo o xurro e baleirala simplemente dúas veces ao ano para esparexelo xusto antes das sementeiras da herba e do millo”.
Precisamente, para o ensilado de ambos os cultivos contan con sete silos de 60 metros de longo, 4 m de alto e 12 m de ancho. Cinco deles destínanos a millo e dous a herba. Á parte, entre as instalacións, teñen tamén un almacén para a palla, unha pequena nave para a maquinaria do día a día –o resto das máquinas gárdanas noutra máis apartada da granxa– e un taller no que poder gardar ferramentas e reparar calquera maquinaria.
Por último, José Manuel comenta que nos últimos anos apostaron moito por incorporar sistemas que lles acheguen aforro enerxético. Para iso, levan case catro anos con placas de enerxía solar, “desde o inicio da granxa traballamos con placas de auga quente e desde hai varios anos temos todas as luces LED”, indica. Suman a todo isto un variador de frecuencia para os motores de muxido e as placas de arrefriamento para o tanque de leite. “A verdade é que se nota moito. Se non tivésemos nada disto, a factura da luz posiblemente se triplicaría. Son investimentos aos que si lles vemos moito rendemento”, recoñece o gandeiro.
SEME HOLSTEIN OU BLACK ANGUS AMERICANO
Falamos do equipo, das instalacións, e o terceiro alicerce para Busto Corzón é a xenética. “Con boa xenética obtés máis produción con menos vacas, mellores calidades e logras traballar con produtoras máis duradeiras e con menos problemas. Iso ten moito valor”, subliña José Manuel.
Outro parámetro no que centran a súa selección é no trazo A2A2, co que levan traballando varios anos; de feito, o gandeiro cre que “o 80 % dos seus animais xa conservan esta característica”.
Con todo, José Manuel tamén destaca que, grazas a esta mellora, están a notar como poden inseminar as súas xatas moito antes: “Hai anos realizabamos a primeira inseminación aos 15, 16 ou mesmo 17 meses; agora, estamos a facelo con 13 meses e algunhas xatas case cumpren os requisitos de estatura e de corpo ao ano. Iso é moi importante para nós, porque é un aforro moi grande”. A detección de celos realízana a través dos colares de identificación, tanto en vacas como en xovencas.
Para axilizar a mellora dos seus animais confiaron hai anos na transferencia embrionaria, mesmo tamén na fecundación in vitro, porque “é verdade que se adianta moitísimo no proceso”. Actualmente, seguen con este tipo de técnicas, aínda que en menor medida.
Utilizan sexado no 100 % do seme destinado ás xatas, todo holstein para leite; convencional de leite para un grupo de primíparas top e para o resto do rabaño aplican doses de black angus americano. “Son touros de carne que funcionan moi ben, as vacas non teñen problemas nos partos e, ao mesmo tempo, os xatos conseguen alcanzar bos rendementos de canal”, explica. Véndenlle toda a recría de carne a un cebadeiro da zona.
ESPECIAL ATENCIÓN Á RECRÍA
Unha das naves de Busto Corzón está dedicada especificamente á recría, con varias filas de boxes individuais para as xatas, diversos lotes para diferenciar grupos de futuras nais lactantes e outra zona de boxes para os animais destinados á venda. As camas son todas de palla, perfectamente coidadas e acondicionadas.
“En canto nace un novo animal, alimentámolo con costro tres tomas, e logo xa pasa ao leite pasteurizado en taximilk, co que xa se vai calculando automaticamente a cantidade de leite que debe ir consumindo”, relata o gandeiro.
Pasan así tres semanas nas casetas individuais e seguidamente conviven en grupos de seis ata os 70 días, que comezan a desteta. A cantidade máxima que poden tomar son 10 litros de leite ao día en dúas tomas. Ademais, desde o día 1, están con auga e penso de arranque.
Nos grupos permanecen dous meses con forraxe e logo xa pasan para os lotes de cama quente, nos que comezan a comer un pouco de herba seca e ración de produción.
RACIÓNS POR GRUPOS
Preparan todos os días seis racións diferentes no seu propio carro unifeed: unha ración para as xatas de inseminar –8 kg de silo de herba, 5 kg de silo de millo, 2 kg de palla e 3 kg de penso–, outra para as xovencas preñadas –6 kg de silo de millo, 4,7 kg de palla e 3,5 kg de penso–, unha terceira para vacas de alta produción –30 kg de silo de millo, 7 kg de silo de herba, 1 kg de avea, 5 kg de colza e 12,5 kg de penso–, outra para vacas de baixa produción –30 kg de silo de millo, 8 kg de silo de herba, 5 kg de colza e 11,5 kg de penso–, unha quinta para o lote de preparto –18 kg de silo de millo, 4,5 kg de palla e 4,5 kg de penso– e a última, para vacas secas –12 kg de silo de millo, 6 kg de palla e 2,5 kg de penso.
170 HA A MILLO E HERBA
A base de todas estas racións parte dos seus propios cultivos. A sociedade conta con 60 hectáreas en propiedade e 110 ha en alugueiro. Dedican todo a dous tipos de cultivos: millo e herba.
“Sementamos sempre un ciclo 400 de millo, porque se adapta moi ben a esta terra e vénnos moi ben para colleitar a finais de setembro”, indica o gandeiro.
Para a herba confían nunha mestura biodiversa dun único corte con raigrás, veza e trevos, porque “achega producións moi altas e de gran calidade. Cun corte, temos cubertas as nosas necesidades para todo o ano”.
Os rendementos en herba aproxímanse aos 22.000 kg por hectárea cun 70 % de materia seca, un 30 % de humidade e un 18 % de proteína. En millo, conseguen entre os 55.000 ou 60.000 kg por hectárea con porcentaxes de amidón dun 38 ou 40 %.
Os seus investimentos en maquinaria durante os últimos anos permitíronlles contar cun parque amplo co que realizan practicamente todos os labores de campo. Contrátanlle a unha empresa externa de servizos o picado e o transporte da herba e o millo, así como tamén algo de axuda para aplicar nos campos os 13 millóns de litros de xurro que acumulan.
O CRECEMENTO, EN MENTE
InLeit é a industria láctea á que lle están a vender o leite desde hai apenas un ano e medio. “Temos un contrato asinado por un ano cun prezo de 48,50 céntimos por litro máis primas por calidades, volume, certificación e fidelidade. Grazas a todo isto estamos nun prezo final de 53 céntimos sen IVE”, asegura José Manuel.
Recoñece que un dos principais problemas do sector é a falta de persoal, aínda que tamén apunta que “é un reto ao que se enfrontan todos os sectores”. Ao mesmo tempo, reitera que no seu caso “a xente está contenta, temos un bo equipo e isto anímanos a seguir investindo”.
Por unha banda, o seu obxectivo principal, “polo que loita cada día –di–“, é darlles calidade de vida a todos os que traballan na súa granxa, “non só para nós senón tamén para os nosos empregados, que se sintan a gusto e estean contentos”.
Por outra, o seu plan a curto prazo xa está en marcha, o proxecto consiste en seguir crecendo, construír unha nave máis para 200 vacas, unha fosa de xurro para tres millóns de litros e incorporar un novo silo para forraxe.
CON VETERINARIA NO CADRO DE PERSOAL
En Busto Corzón sempre lle deron moito valor ao aspecto veterinario e xa hai tempo que tomaron conciencia de que a normativa relativa a medicamentos, antibióticos ou benestar animal sería cada vez máis estrita. Tanto é así que desde hai xa tres anos contan cunha veterinaria no cadro de persoal, Eva María Peris, grazas á que teñen a granxa “moito máis controlada” e iso supón para eles “menos traballo e un grande aforro”, describe José Manuel. Falamos con ela sobre a súa rutina diaria e os aspectos nos que está centrada.
“Contar cun veterinario dentro das explotacións axuda moitísimo a baixar a incidencia das patoloxías”
Desde cando traballas en Busto Corzón e de que aspectos te encargas?
Vai facer xa case catro anos e entrei máis que nada para levar todo o tema de clínica. Hai un mes máis ou menos que incorporei a maiores toda a parte de reprodución.
Cumpres tamén con todas as esixencias normativas do veterinario de explotación?
Comigo no equipo xa non teñen que recorrer a un veterinario externo. O libro de explotación e as receitas, que teñen que estar perfectamente ao día, son temas que temos máis que controlados.
Ademais, en canto ao benestar animal, revisamos todos os días, polo menos unha ou dúas veces ao día, como están todos os animais.
Contar cun veterinario dentro das explotacións axuda moitísimo a baixar a incidencia das patoloxías.
Como é a túa rutina en canto a clínica?
Esta é unha explotación na que hai moitísimos animais; por tanto, cando un animal, ou os que sexan, se pon enfermo, é conveniente que sexa o mesmo veterinario o que faga todo o seu seguimento. Nese sentido, aquí mellorouse moitísimo. Eu sei perfectamente cando o animal me enferma, se me está mellorando ou non, porque o coñezo e estouno vendo todos os días.
En canto a patoloxías, non temos ningunha en concreto que nos dea problemas reiteradamente. Podería dicir que si temos un pouquiño máis de incidencia coas coxeiras, pero entendo que é porque as vacas teñen que desprazarse máis ao realizar tres muxidos. Aínda así, non é un problema grave.
E en relación á reprodución?
Case todas as vacas van con protocolo desde que paren ata que se lles insemina sobre os 72-74 días. O feito de facer eu o control reprodutivo é moito mellor, porque é máis gratificante, coñezo como está cada unha delas por fóra e por dentro.
Estás centrada nalgún tipo de mellora?
Si, por suposto que si. Aínda que a situación clínica é moi boa, algo que me gustaría moitísimo sería poder acurtar o intervalo entre inseminacións. Quero dicir con isto que se poidan quedar xestantes canto antes. Se nos quedan á primeira, sería estupendo.
Outro asunto que se podería mellorar aínda máis é a xestión da recría, porque é un momento delicado no que collen de todo.