Grupo Lence, segunda empresa que máis leite recolle en Galicia e a única galega entre as catro primeiras lácteas que operan en España, abriu o prazo de inscrición para que os colexios poidan visitar as súas plantas da Coruña e Lugo no novo curso escolar.
Nesta nova convocatoria, os centros escolares poderán elixir cal das dúas plantas de Grupo Lence queren visitar: a de Lugo, máis enfocada na marca Leite Río de Galicia, ou a de Arteixo (A Coruña), que está máis enfocada na marca Leyma.
Durante as visitas, que están dirixidas a nenos e nenas de primaria (de entre 6 e 12 anos), profesionais da empresa láctea explicarán o proceso produtivo do leite, desde que sae da vaca ata que chega ás casas dos consumidores. O ton das visitas será adaptado segundo a idade concreta do grupo, que poderá ser dun máximo de 50 escolares por quenda (con 1 profesor ou profesora por cada 10 escolares). As visitas realizaranse cunha periodicidade dunha vez por semana en cada unha das plantas e sempre serán en horario de mañá.
Os responsables de centros escolares que queiran visitar co seu alumnado unha das dúas plantas poderán facer a súa reserva enviando un correo a marketing@lence.gal ou chamando a calquera destes dous teléfonos: 982302901 ou 607116780 (cunha antelación de 2 semanas antes da data da visita). Á hora de reservar, deberán indicar o centro, a localización elixida para a visita e o número de persoas que acudirán en total.
Facer pedagoxía sobre o rural
Unha parte vital do compromiso de Grupo Lence con Galicia e coa contorna rural pasa por ensinarlles ás novas xeracións como funciona e que oportunidades ofrece o sector lácteo e o campo para a súa vida persoal e profesional. A alimentación e o sector primario son básicos para a sociedade e a economía, e, por ese motivo, Grupo Lence aposta por facer pedagoxía respecto diso cos escolares.
A través das visitas a escolares e co conxunto de accións que organiza, Grupo Lence busca que a realidade do rural e os seus retos sexan permeables a todas as capas da sociedade, tamén para os máis pequenos. Deste xeito, a poboación máis nova poderá ter unha imaxe real do rural e do sector lácteo, aínda que no seu día a día non estean en relación con leste.