LLUIS XANXO-DORIA, ASESOR AGRONÓMICO-NUTRICIONAL

“Hai cultivos, como a alfalfa, que se están desaproveitando porque a maior parte da produción estatal se exporta”

A mellora da calidade do ensilado foi o tema tratado polo enxeñeiro agrónomo Lluis Xanxo-Doria nas XXI Xornadas Técnicas de Seragro. Co obxectivo de acadar unha alta eficiencia na produción leiteira, centrouse na importancia da planificación e da xestión agronómica. Avalado pola súa traxectoria en grupos cooperativos do Pireneo ilerdense e na Granja San José, actualmente realiza un proxecto de mellora no desenvolvemento de forraxes, xunto con Carlos Cantero Martínez, catedrático na Universidade de Lleida. Máis en Vaca Pinta 50.

Que obxectivo persegue a planificación agronómica integral?

Establecer unha análise económica baseada nun deseño técnico. O 60 % do custo dun litro de leite represéntao a alimentación. Dentro do modelo de máxima produción ao mínimo gasto, ábrese o escenario de conseguir racións óptimas conformadas por dous terzos de forraxes de alta calidade para facilitar a inxestión do animal e lograr unha eficiencia láctica.

De que xeito se poden maximizar as producións do ensilado de alta calidade?

Dende hai uns dez anos, os laboratorios especializados americanos, como Cumberland Dairy One ou Rock River, operan en España e ofrecen unha ampla información técnica. O seu traballo permite sacarlles máis rendemento ás bases de datos sobre o proceso produtivo de forraxe. Para maximizar as producións do ensilado de alta calidade, ademais de recoller as cifras da base analítica, hai que canalizar o proceso dese cultivo dende o momento no que se decide escollelo para sementalo.

Que aspectos son esenciais á hora de elaborar a planificación dunha plantación?

O primeiro paso é estudar a capacidade de base territorial, que se pode producir e canta cantidade, para comprobar o nivel de autosuficiencia do negocio. A continuación, á hora de mercar subprodutos ou concentrados, hai que considerar economicamente se é máis viable cultivar forraxes en fincas en arrendamento ou mercar directamente o produto vexetal. Existe moita variabilidade dentro do sector, pero esta é a primeira toma de decisións. As ganderías están medrando máis no rabaño que na parte agronómica, polo que a autosuficiencia non é unha característica típica das granxas actuais.


“A ración das vacas pode chegar a conter dous terzos de materia seca”

En que fases se debe centrar a planificación agronómica integral?

Dentro da planificación na base territorial, hai que saber con que solos contamos, que condicións climáticas teremos, que material vexetal eliximos e con que criterio o imos cultivar. Tamén é necesario vaticinar que niveis de calidade conseguiremos con esa forraxe previamente escollida, cos limitantes de clima e solo, prever ata que punto podemos maximizalo nunha ración leiteira en función de calidades e volumes e, ao final, que transformación nos vai dar en canto a produción con leite estandarizado.

Cal é a realidade no tocante á compra das forraxes?

España é un dos países da Unión Europea que máis niveis de concentrado e subproduto consome para as racións produtoras en vacún leiteiro. En contrapartida, estamos en zonas onde hai moito potencial forraxeiro ao longo da península ibérica. Entón, hai cultivos que expoño, como a alfalfa, que se están desaproveitando porque a maior parte da produción estatal vai dedicada á exportación. É un cultivo que historicamente se dedicaba como recurso forraxeiro na produción leiteira.

Por que se prefire a opción de exportar?

É un aspecto económico. As cadeas de comercialización ven máis viable vender a materia prima a outros países que mover esta forraxe dentro do mercado nacional. Antes, na relación calidade-prezo, a alfalfa sempre encaixaba dentro dunha fórmula de produción leiteira e agora non. Hai que buscar maximizar esa calidade, co prezo que teña, para que poida introducirse nestas racións. 

Existen alternativas noutros cultivos?

Si, pero condicionadas polos factores hídricos. Os dous produtos estrela a nivel forraxeiro para vacas de alta produción sempre foron o millo e a alfalfa. Todo o demais está noutro escenario no que hai que afinar moito para poder introducilo a un custo competitivo.

As forraxes de inverno poderían ser unha boa opción?

Si. Por exemplo, hai zonas agroclimáticas que só fan un cultivo de verán, como o millo, e non fan un de inverno, ou dentro da plantación de inverno non apostan por un ciclo curto dun cereal que lles poida dar xogo dentro desa estrutura. Entón, por unha parte, non recollen un cereal de inverno e, pola outra, teñen que ir mercar a palla, como subministración de alimentación, a moitos quilómetros de distancia, porque realmente necesitan ese produto. É dicir, as alternativas existen, é unha cuestión de planificar.

Poderían terse en conta en calquera gandería?

Si. Cada negocio debe analizar exactamente cal é o potencial produtivo da súa base territorial e cal é o consumo probable da súa cabana gandeira. A partir de aquí, tomaranse as decisións. É mellor ir mercar ese produto ou cultivalo en fincas lindeiras facendo o seguimento para o control de calidade? A inspección acerca da excelencia dun ensilado non só depende do momento de corte e da recolección, senón que xa inflúe dende o inicio.

Cal é a decisión máis óptima?

Polo xeral, tenden a concentrarse as racións engadindo máis penso ou produtos que non son forraxes. Non obstante, esquecemos que alimentamos ruminantes, que, como mínimo, precisan un terzo da materia seca para inxerir na súa ración. Ademais, teñen capacidade suficiente para alcanzar os dous terzos na súa alimentación. Entre ese dobre ou nada, aparece todo o escenario de mellora.

En que punto está o proxecto no que traballas respecto á mellora no desenvolvemento de forraxes?

Tratamos de recompilar moita información para crear unha base de datos ampla. Intentamos detectar os puntos clave, onde se atopa a capacidade de avance do sistema.  No histórico do sector, se miramos o enfoque gran, sempre houbo moita base de información técnica en canto a produción e calidade. Tradicionalmente, no mercado forraxeiro adoptouse a postura do todo vale e de que non era necesaria tanta información. Agora, a mentalidade cambiou e cada vez é máis importante ter datos técnicos para traducilos en cifras económicas e ver os puntos de mellora.


“A mentalidade nun negocio gandeiro debe ser a mesma con 50 ou con 5.000 vacas”

Que camiño aínda lle queda por percorrer a este estudo?

Comezamos nunha área máis local como é o val do Ebro, polo que agora estamos abrindo contactos noutras zonas xeográficas e agroclimáticas. Por un lado, é un reto intentar ampliar a base de datos para operar dentro do territorio nacional; polo outro, implica un crecemento en formación técnica. Para os vindeiros meses, xa fixen un plan formativo nos Estados Unidos co propósito de seguir o modelo que se está a realizar neste país de referencia e aplicalo dentro do noso sistema.

Que calidades se buscan nos cultivos de millo?

As necesidades da fibra neutro deterxente, en concreto a 30 horas, e do amidón. Cada vez máis están seleccionando variedades de gran con dobre aptitude, gran e silo, pero que son dedicadas exclusivamente a gran. Iso si, aplicando unha tecnoloxía forraxeira, é dicir, sementadas a máis altas densidades e cos mesmos ou máis tratamentos fitosanitarios, que se poidan realizar como preventivos cando a planta vai destinada coa opción de gran. Para ter un moi bo produto forraxeiro, é imprescindible ter unha boa sanidade vexetal.

Como se consegue esa boa sanidade vexetal?

Hai que partir dunha excelente base xenética e dunhas condicións fitosanitarias óptimas no cultivo. En definitiva, búscase unha proporción de gran máis alta que a materia seca no cociente entre amidón e materia seca, é dicir, xa non se trata de conformar un silo dun 33 % de materia seca, senón que hai que axustar un silo dun 33 % de materia seca cun 34 %, un 35 % ou un 36 % de amidón. Podemos facer un silo dun 36 % de materia seca, si, pero ten que ser cun 37 %, un 38 % ou un 39 % deste hidrato de carbono.

Cales son as razóns que explican estas porcentaxes?

Indícannos que o quilo desas forraxes é rico en amidón, integra moita enerxía e economicamente alcanza un valor moi alto. Ademais, a cantidade de azucres fermentados que contén a planta ofrécenos un mellor potencial para que fermente ese produto no silo. Isto tradúcese nunha mellor inxestión, transformación e eficiencia. As empresas tenden a esa liña de selección xenética e a esas pautas de traballo agronómico. 

O solo é determinante á hora de maximizar a ración de materia seca?

Si. No norte da provincia de Lleida, por déficit de condicións climáticas e de produción forraxeira, formulamos a planificación seguindo o modelo israelita. Consiste en empregar un terzo de materia seca na ración produtiva debido á escaseza de forraxes. Pola contra, na Granja San José, situada nunha zona de moito potencial forraxeiro, pódese chegar a maximizar a ración con dous terzos de materia seca. Este último coñécese como o método americano, que é o que se está implantando en Galicia nos últimos anos. Ata hai pouco tempo, o millo era un cultivo descoñecido e agora é maioritario. .

O caso de Granja San José poderíase extrapolar a outras ganderías?

Granja San José é unha empresa referente en España na actualidade, é un modelo de explotación intensiva de gran volume. Pódense copiar varios parámetros, aínda que evidentemente non polas dimensións, algo atípico no territorio nacional. Hai unha serie de conceptos, coma o de produción forraxeira ou minimización de custos, que si se poden imitar.

Como valoras a túa experiencia alí?

Moi positiva, supuxo un crecemento persoal e profesional para min. Moitas das ideas que estou deseñando no marco da asesoría no proxecto veñen do modus operandi de Granja San José. Non temos que deixar de pensar que cada gandeiro é un empresario, que dirixe un negocio e o seu obxectivo é investir, rendibilizando o seu gasto, para maximizar o seu beneficio. A mentalidade nun negocio debe ser a mesma se tes 50 ou 5.000 vacas.