J. Piñeiro: “Hoxe en día o problema está en que non hai estudos de variedades pratenses en Galicia e entran outras que non se sabe como son”

J. Piñeiro: “Hoxe en día o problema está en que non hai estudos de variedades pratenses en Galicia e entran outras que non se sabe como son”

Juan Piñeiro, investigador xubilado, formou parte do Centro de Investigacións Agropecuarias de Mabegondo (CIAM) desde o ano 1969 ata o 2011. Entre os seus estudios, poderíamos resaltar o realizado sobre o raigrás italiano, outro sobre o valor agronómico das variedades comerciais de gramíneas e leguminosas pratenses e tamén a avaliación das variedades de millo forraxeiro en Galicia, entre outros moitos que se atopan recollidos na biblioteca do CIAM. Nesta entrevista coméntanos como foi a evolución das súas investigacións forraxeiras desde os inicios e como ve a situación dos cultivos forraxeiros na actualidade en Galicia.

Como foron os comezos das súas investigacións centradas nas variedades forraxeiras?

Eu herdei a información do Plan Agrícola de Galicia, o que fixemos foi matizalo. Nel recollíanse dúas mesturas. Unha delas, feita de raigrás italiano, dáctilo, trevo branco e trevo violeta, era a que chamaban fórmula F2. Esa fórmula tiña unha cantidade brutal de dáctilo e demostrouse nos traballos que fixemos que era unha planta bastante agresiva e quedaba como dominante. Fixemos unhas mesturas que non tiñan dáctilo, presentamos diferentes fórmulas e a famosa F2 quedou condenada a desaparecer. Despois había outra que era a F6, con raigrás inglés e trevo branco. Despois de moito traballo, houbo unha reformulación de mesturas e nos anos 90 publicamos unha folla divulgadora onde recomendamos novas fórmulas.

 

En que consistía o Plan Agrícola de Galicia?

O Plan Agrícola de Galicia, que naceu a finais dos anos 40 e aplicouse nos 50, pero debido a a chegada de información por outros sitios, non funcionou. Nese plan fomentábanse as pradarías, que naquel entón chamaban artificiais e que agora se chaman sementadas, onde ti decides as especies que queres utilizar (raigrás, trevos...). Hoxe en día nas granxas, normalmente intensivas, hai moita pradeira sementada, aínda que poida que co paso do tempo se acaben naturalizando.

 

Foi difícil chegar con toda a información que obtiñan das investigacións aos gandeiros?

Hoxe en día, todas as cooperativas teñen técnicos á fronte. Ao contar con este tipo de persoal, os agricultores teñen a opción de informarse sobre as diferentes mesturas, en moitas ocasións as cooperativas dispoñen das súas propias. Un dato relevante é que, a partir da folla divulgadora que comentaba, fan as súas propias formulacións e isto dálles autonomía aos propios técnicos.

Antes tamén había algúns técnicos, pero principalmente dábanse charlas. Era unha forma de chegar, pero non era suficiente. Eu dei moitas charlas nas tabernas, porque naqueles tempos facíanse así as cousas, pero non todo o mundo tiña a dispoñibilidade para asistir a esas sesións informativas. A mellor información chega cando hai técnicos, porque coñecen todo de primeira man. De feito, hai algunhas variedades de fóra que non interesan para esta zona, pero estes expertos poden esixir que se multiplique unha que saben que si funciona para que logo chegue ao mercado de aquí. Por exemplo, no CIAM Julio está a producir sementes e buscamos que se poidan vender en Galicia.


"No caso de pratenses, hoxe en día non se producen as que teñen posibilidade de entrar no mercado"

Actualmente esíxense forraxes que sexan sustentables co medio ambiente. Cara a onde vai ir este tema?

De momento, penso que é pronto para saber como vai evolucionar a situación. Todo o que fagas ten que ser lóxico, ti non podes abonar máis da conta, se non é necesario. En lugar de utilizar especies como, por exemplo, o raigrás italiano, ao que tes que botar ese abono nitroxenado, podes pór outra de trevos anuais que fai rotación co millo e non ten necesidade dese fertilizante. Hai que buscar solucións deste tipo.

 

Que marxe de mellora teñen as forraxes de Galicia?

O que falta en Galicia é producir as propias variedades de forraxes que temos. No caso de pratenses, hoxe en día non se producen as que teñen posibilidade de entrar no mercado e non poden entrar se non hai feito un camiño previo. A vía que hai que seguir é utilizar material autóctono de aquí e melloralo.

 

Como foron os inicios dos campos de ensaio no CIAM?

Ao principio empezamos co tema de pradeiras naturais, pero enseguida vimos que había máis sementadas, entón estudamos máis esa área. A medida que avanzaban os nosos experimentos, melloraban os coñecementos que tiñamos neste aspecto. Por exemplo, un dos proxectos que desenvolvín desde o ano 78 centrouse en variedades que non estaban avaliadas en España. Foi un traballo difícil porque probabamos diferentes variedades, recolliámolas nunha listaxe, que se publicaba en revistas, pero logo había outras no mercado e a xente compraba esas. Agora o problema está en que non hai estudos de variedades aquí e hoxe en día entran variedades que non se sabe como son. Sería máis fiable unha información áxil e accesible, aínda que moita xente non miraba nada diso.


“Estou pelexando porque as variedades que hai aquí se comercialicen a través da Fundación José Luis Taboada”

Na actualidade deixáronse de facer. Deberían de seguir?

Entendo que se deixasen de facer porque hai limitacións de persoal e faltan profesionais adecuados. Ese tipo de ensaios necesitan xente e orzamento. Houbo unha etapa na que se buscaba facer unha lista de variedades de España e había proxectos que financiaban iso. Atopar este tipo de proxectos non era tan fácil, non había xente suficiente para acometer iso de forma sistemática, por tanto, cortouse. Iso levounos a traballar con material non coñecido, por iso agora estou a pelexar porque as variedades que hai aquí se comercialicen a través da Fundación José Luís Taboada (Cartelos, Carballedo) e co técnico da cooperativa de alí, porque estas son nosas e debémolas traballar. É a única forma que atopo de que cheguen ao mercado. Aquí temos que facer a semente de base para que a multipliquen e poder comercializala.

 

Con todo, noutros países si se seguen publicando estas listaxes?

Eu estiven a visitar diferentes centros de investigacións en Inglaterra e en Francia, onde elaboraban listas de maneira sistematizada, centralizaban toda a información e condicionaban o mercado. Esa maneira de elaborar informes tiña prestixio. Todo funcionaba de maneira sistemática e, se unha variedade dunha casa entraba nunha lista, tiña que estar totalmente avaliada. Esa información chegaba así aos paisanos. Iso séguese facendo, pero aquí non está establecido.