O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) convocou as axudas do plan de renovación do parque de maquinaria agrícola (Renove) 2023, cun orzamento total de 9.545.350 euros. O extracto da orde ministerial coa convocatoria está publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE).
O prazo para a presentación de solicitudes ábrese hoxe, venres 7 de xullo e prolongarase até o 15 de setembro, ambos incluídos. O obxectivo do Plan Renove é modernizar o parque de maquinaria mediante a axuda á compra de equipos con novas tecnoloxías que permitan unhas técnicas agrícolas máis respectuosas co medio ambiente, e o achatarramento da maquinaria antiga.
A convocatoria conta con dúas liñas de axudas: unha para sembradoras de sementeira directa, dotada de 3.535.350 de euros, e outra para o resto de maquinaria, tractores e automotrices que contempla a orde cun orzamento de 6 millóns de euros. Unha vez esgotado o prazo de solicitude, en caso de quedar fondos dispoñibles en calquera das dúas liñas, poderanse utilizar para satisfacer a lista de espera.
Os interesados poden adquirir a máquina pola que queiran solicitar a subvención ao inscribila no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (Roma) e realizar os trámites pertinentes. Toda a información do Plan Renove 2023 está dispoñible na páxina web do ministerio.