Tras dous anos de pandemia, o auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo foi o lugar escollido para a celebración das XIX Jornadas Técnicas de Vacuno de Leche de Seragro, publicadas en formato físico no número 35 de Vaca Pinta. Nesta edición, o enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade de Kiel (Alemaña), Ignacio Ipharraguerre, tratou a relación existente entre a flexibilidade metabólica das vacas leiteiras, a súa saúde e productividade.
En que medida a flexibilidade metabólica determina o rendemento e a eficacia?
A capacidade de axustar o metabolismo ás situacións de estrés é o que denominamos “flexibilidade metabólica”. Isto é fundamental para determinar o nivel produtivo, porque a maior capacidade produtiva, maior ten que ser a flexibilidade metabólica, posto que o consumo non pode aumentar ao mesmo ritmo que o fai a produción. Animais máis produtivos, ou máis eficientes, teñen a capacidade de orientar máis cantidade dos recursos nutricionais á produción a través do axuste do seu metabolismo. É un concepto fundamental.
É unha área á que se lle presta a suficiente atención?
Tivo moitísima atención en saúde humana. Por exemplo, unha persoa diabética é incapaz de usar a glicosa como debería, o que quere dicir que o seu metabolismo está comprometido. De aí vén a investigación na área de humanos. No caso animal, nos últimos cinco anos houbo unha explosión nesta área, con investigacións dedicadas a entendela e a tratar de identificar oportunidades de actuación.
De que maneira o período de lactación produce estrés nos animais?
A alta mobilización de reservas corporais coincide en períodos como o posparto con problemas de saúde. Isto levou á idea xeneralizada de que isto é sinónimo de estrés oxidativo. Con todo, o que estamos a aprender nestes últimos anos indica que non hai evidencia casuística disto: a elevada mobilización de reservas e os problemas metabólicos ou infecciosos ocorren ao mesmo tempo, pero non necesariamente un é causa do outro. Isto condúcenos á hipótese de que poida que exista outro problema subxacente que fai que nunha situación de alta demanda metabólica como é o posparto xurda unha maior susceptibilidade a problemas de saúde. Nese caso, a alta demanda metabólica non sería o problema, senón outro que aínda necesitamos entender. Sen dúbida, é necesario repensar moitas das realidades dogmáticas que temos, en vista da información que se está xerando, para poder abrir a porta a novas alternativas que sexan máis compatibles coas demandas do sector.
A que se refire cando fala de fallos inmunometabólicos?
O inmunometabolismo refírese á interacción que existe entre o sistema inmunolóxico e o metabolismo. As funcións inmunometabólicas son aquelas que permiten que, en situacións nas que o sistema inmunolóxico é necesario para a defensa do organismo, haxa unha reorientación do metabolismo para asegurarse de que ese sistema inmunolóxico ten os recursos necesarios para levar a cabo a súa función. Cada vez entendemos mellor os fallos inmunometabólicos, isto é, como determinados factores de risco que ocorren en períodos críticos como o posparto ou a fase neonatal se suman e ese efecto xera unha activación innecesaria do sistema inmune que, ademais, xera fallos en relación coa necesidade fundamental do metabolismo de soster a produción.
A cales destes factores de risco se lles debe prestar máis atención?
Unha área concreta é o estrés físico (estrés térmico, como a calor) ou psicolóxico (parto, nacemento, reagrupamento…), que en produción tratamos de minimizar mediante o confort. Outra área moi importante é a relacionada cos microorganismos que colonizan os epitelios do animal. Neses tecidos habitan microorganismos que en determinadas situacións ven a súa función alterada. Ese desequilibrio abre a porta a fallos na activación do sistema inmunolóxico, o que chamamos disbiose, que no caso da produción leiteira onde máis común adoita ser é no tracto dixestivo. A terceira área son as infeccións locais (intestino, tracto respiratorio, tracto reprodutivo…), que primeiro afectan a ese órgano ou tecido, pero que despois poden contribuír ao desaxuste metabólico.
Como se deben atallar estes problemas?
Podemos pensar río arriba ou río abaixo, previr ou tratar. A miña recomendación é pensar río arriba, minimizar a exposición a factores de risco para evitar os episodios de inflamación innecesarios. Debemos acudir tanto ás pautas xerais de bo manexo (vacinación, manexar o estado corporal, confort, hixiene...), como a pautas máis específicas, como as nutricionais. Tamén hai varias áreas máis novas que teñen moito potencial: a das intervencións para evitar os problemas de disbiose; a de suplementos, aditivos ou intervencións máis ecolóxicas, que apuntan directamente a modificar esa microbiota, e outra máis que pasaría por introducir pautas de exercicio que axuden a manter a flexibilidade metabólica.