A produción de leite descendeu no último ano en países como Nova Zelanda e EE. UU. un 8,2 % e un 1,4 %, respectivamente, a pesar das importantes subidas nos prezos recibidos polos gandeiros.
O prezo medio pagado aos produtores neozelandeses incrementouse no último ano un 34,42 %, é dicir, uns 11,13 €/100 kg, ata alcanzar os 43,46 €/100 kg en xaneiro de 2022. Pola súa banda, os gandeiros estadounidenses recibiron no mes de xaneiro unha media de 47,15 €/100 kg, o que supón un aumento dun 38,29 %, uns 15,45 €/100 kg máis que no mesmo período do ano pasado.
Na comparativa con Europa, tanto o descenso da produción como a subida de prezos son menos acusados, pois a produción redúcese só nun 0,6 % e o incremento medio de prezos é do 20 %.
Estes descensos rompen a tendencia alcista da produción, que anualmente se incrementaba nun 2 % de media.