Esta mañá inaugurouse a quinta edición da Escola Iniciación de Futuros Gandeiros, organizada pola Federación de Frisona Galega (Fefriga), xunto co Club de Xóvenes Gandeiros e co apoio de CLUN, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín. Desenvolverase na Finca Mouriscade (Lalín, Pontevedra) dende hoxe e ata o 23 de agosto. No acto participaron o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o concelleiro de Deportes e Xuventude de Lalín, Avelino Souto.
Orientadas a mozos de entre 8 e 25 anos, cada unha das edicións conseguiu cubrir as 30 prazas dispoñibles. Desde a organización destacaron o valor deste tipo de celebracións para dinamizar e atraer á xuventude ao sector, xa que ofrecen aos asistentes a posibilidade de gozar dunha semana de formación, diversión e intercambio de coñecementos con novos compañeiros cos que comparten a paixón polo vacún leiteiro.