Isolina Raña, nova presidenta da Asociación de Empresarias Rurais

Isolina Raña, nova presidenta da Asociación de Empresarias Rurais

A Asociación de Empresarias Rurais (ASER), fundada en 2008, renova a súa xunta directiva e a gandeira Isolina Raña asume a presidencia. Contará con Carmen Lence, como vicepresidenta; María Teresa Antelo, como tesoureira; Minia Varela, como secretaria, e coas vogais Brígida Hermida, María del Carmen Espiñeira e Belén Rodríguez. O labor e fin principal da Asociación é a promoción e desenvolvemento da empresaria rural e da súa contorna.

ASER terá a súa sede no Viveiro de Empresas de Cerceda, que naceu co obxectivo de facilitar o emprendemento nun concello rural cun claro desenvolvemento industrial. O seu alcalde, Juan Manuel Rodríguez, recibiunas na súa primeira visita ás instalacións.

As empresarias rurais que constitúen ASER representan a ganderías medianas e grandes, a gran industria e as pemes agrarias, o comercio, a formación e outros sectores anexos á actividade rural. A Asociación quere contribuír á transformación do rural galego nun espazo que incorpore as tecnoloxías dixitais, novas actividades e servizos asociados a elas e á transformación enerxética cara á sustentabilidade ambiental, afrontando o reto do despoboamento, o traspaso nas granxas, empresas e servizos, facilitando a autonomía alimentaria galega e evitando o abandono de aldeas e lugares.

Isolina Raña, gandeira socia de CLUN, foi vicepresidenta da Federación de Gandeiras Españolas e conselleira de Feiraco. Embaixadora da agriagencia española Acodea imparte formación en gobernanza a cooperativas e asociacións agrarias e gandeiras de Latinoamérica. Pola súa banda, Carmen Lence é CEO de Grupo Lence e desenvolve programas de incentivación da presenza da muller na economía agraria galega; María Teresa Antelo é empresaria e participa nunha das maiores ganderías de leite da nosa comunidade; Minia Varela  é queixeira artesá; Brígida Hermida é empresaria e desenvolve o sector de xeados coa súa compañía XearteBrigitte; María del Carmen Espiñeira é economista e dedícase á formación de mozos no medio rural, e Belén Rodríguez é secretaria xeral de EFA Galicia.