ENTREVISTA

J. Britt: “Neste sector temos o coñecemento e a capacidade para mellorar o mundo”

O investigador estadounidense Jack Britt formou parte do 31.° World Buiatrics Congress, edición celebrada na capital española, como un dos conferenciantes da presentación VIP “Omnívoros, desmontando mitos”. Britt, quen actualmente está á fronte dun equipo internacional de investigadores que analiza o futuro da produción láctea, expón nesta entrevista publicada en Vaca Pinta 35 a súa visión sobre as alteracións que implicará o cambio climático no futuro do sector agrogandeiro.

Cales foron os puntos centrais da súa presentación no WBC?

Centreime na gandería leiteira de dentro de 50 anos. O primeiro que debemos entender é que imos ter case dous mil millóns máis de persoas para alimentar no futuro e os produtos lácteos, e en xeral as producións gandeiras, poden proporcionar nutrientes esenciais e aminoácidos (os cales necesitan os nosos corpos) de maneira máis eficiente que os alimentos vexetais. Creo que é moi importante ter unha dieta equilibrada e os lácteos, a carne de vacún e outros produtos animais forman parte dela. 

Que predición fai do que podemos esperar do noso planeta en medio século?

Iso é algo que dependerá das decisións que tomemos nos próximos 50 anos. Neste sector temos o coñecemento e a capacidade para mellorar o mundo. Agora dispoñemos dunha tecnoloxía incrible en agricultura, producimos alimentos da mellor calidade; os máis seguros que houbo nunca. No entanto, hai unha gran diferenza entre os países máis eficientes e outras rexións do mundo que non o son tanto. Entón, cal é o noso desafío? Axudar aqueles que necesitan mellorar e adaptar as súas tecnoloxías para que sexan as axeitadas para a súa zona, para as súas condicións, para os seus terreos etc. En definitiva, mellorar a produtividade da súa agricultura.

A desigualdade entre países no que ao acceso a produtos de primeira necesidade se refire é cada vez máis marcada. Como pode paliarse este problema?

Nos países desenvolvidos de Europa, así como noutras zonas como Os Estados Unidos, Australia e Nova Zelandia, estanse a producir máis alimentos dos que as súas poboacións necesitan, polo que parte desa produción está a exportarse a terceiros países, pero é necesario asegurarse de que esas exportacións son alcanzables, de que a xente deses territorios se pode permitir pagar por elas.

É posible que teñamos que cambiar os tipos de alimentos que producimos, que haxa que facelos máis alcanzables para persoas doutros países ou que haxa que procesalos de maneira que poidan enviarse por barco ou por avión. Ao mesmo tempo, temos que axudarlles a adoptar mellores tecnoloxías. Nas últimas décadas, vimos en Europa e en todos estes países desenvolvidos un aumento significativo da produtividade porque estamos a adoptar mellores prácticas e os nosos animais están máis sans; só adoptando as prácticas adecuadas se poderá chegar a alimentar a toda a poboación.


“Nos países desenvolvidos tendemos a comer en exceso algúns alimentos, polo que é posible que necesitemos equilibrar as dietas, axustalas un pouco”

De que forma afectará o cambio climático no futuro ás zonas do planeta que hoxe en día son máis frías?

O cambio climático é un dos temas máis interesantes para min e para o equipo do que formo parte; pasamos moito tempo falando del. O primeiro que veremos, en termos de agricultura, será que parte das terras hábiles de cultivo se moverán ao norte do planeta. Poderase cultivar nas zonas máis setentrionais do hemisferio norte, onde hoxe non é posible, en tanto que nas áreas ecuatoriais se perderá algo de terra útil. Así pois, creo que será cuestión dunha transición e que poderemos alimentar a xente con parte da terra que temos hoxe, xunto coa que haberá dispoñible nun futuro.

Como afectará isto ao noso país? En España estamos comezando a ter problemas co cambio climático...

Un factor ao que se lle debe prestar especial atención é ao feito de que as granxas terán que desprazarse, moverse de áreas calorosas a outras máis frías. Ademais, haberá que mellorar na produción de cultivos para que sexan máis resistentes á seca, que non necesiten moita auga. Tamén podemos ser máis eficaces cos sistemas de rega. Algúns países, como Israel, xa están a facer un gran traballo coa xestión da rega e están a usar a auga de maneira eficiente para múltiples propósitos. Por tanto, será necesario adaptar algunhas desas prácticas nas áreas máis secas, para que, no futuro, os agricultores e gandeiros poidan continuar o seu labor de maneira rendible.

Hoxe en día fálase moito da automatización como clave para facer o traballo nas granxas máis fácil e produtivo. É algo esencial para garantir o futuro deste sector?

Así é. Neste sentido, outro dos temas nos que nos enfocamos é no feito de que os agricultores máis pequenos necesitan colaborar máis, compartir equipos, instalacións, tecnoloxía etc., en lugar de actuar sempre de maneira independente. En moitos casos, podería ser interesante que grupos de pequenas ganderías pensasen en operar xuntas para determinadas accións, como unha gran granxa.

Entón, é partidario das estruturas cooperativas?

Estruturalmente podemos falar dunha cooperativa, pero tamén se podería tratar de acordos informais puntuais que lles permitan compartir equipos que non se usan moi a miúdo. Hai granxas traballando desta forma en moitas partes do mundo, pero noutras zonas non é habitual. Un dos problemas que observamos no noso grupo, se nos fixamos nos países menos desenvolvidos, é que producen aproximadamente sete veces máis a cantidade de gases de efecto invernadoiro por unidade de alimento que os países desenvolvidos. Sete veces máis por vaso de leite, por exemplo. Entón, este é un factor clave para facer fronte ao cambio climático. Temos que axudarlles a mellorar a súa produtividade.

Diría que o sector está a actuar de maneira responsable con respecto ao seu papel ante o cambio climático?

Si, pero hai que ter en conta que hai moitos factores que afectan o cambio climático. Unha das cousas que levamos anos facendo científicos agrícolas de todo o mundo é desenvolver cultivos que sexan máis resistentes á calor e máis tolerantes en chans secos. Agora estamos a facer isto en gandería. Hai rabaños de animais que teñen un tipo de pelo que lles permite desempeñarse e vivir ben en climas agrestes e poder producir igualmente leite, carne ou outros produtos. En resumo, están a producirse avances que van beneficiar a toda a poboación, a pesar de que o clima do planeta vaia cambiando.

Tendo todo o anterior en conta, cales diría que serán as principais preocupacións dos traballadores do sector en 50 anos?

En xeral, unha das cousas que se deberá ter en conta e que xa se sabe é que imos acadar o máximo histórico de persoas a finais deste século, logo empezará a descender con bastante rapidez, polo que dentro de 120 anos poderiamos ter menos persoas das que existen hoxe en día. É algo cambiante.

Así mesmo, en concreto creo que este sector deberá afrontar dous grandes temas. Un deles será se poderán seguir adiante cos seus negocios usando as tecnoloxías e as prácticas que estamos empregando hoxe en día. A resposta é que moitos non poderán continuar, porque non serán competitivos nin rendibles. A segunda gran preocupación será o que comemos. Nos países desenvolvidos tendemos a comer en exceso algúns alimentos, polo que é posible que necesitemos equilibrar as dietas, axustalas un pouco. Iso será beneficioso para todos nós.