Xornada da Agacal sobre eficiencia e sostibilidade en vacún leteiro o 27 de novembro en Mabegondo

Xornada da Agacal sobre eficiencia e sostibilidade en vacún leteiro o 27 de novembro en Mabegondo

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) anunciou a organización dunha xornada técnica centrada na eficiencia e a sustentabilidade no sector do vacúo de leite, que se celebrará o vindeiro 27 de novembro no salón de actos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Este evento reunirá a expertos de renome tanto a nivel nacional como internacional para abordar os retos e oportunidades que enfronta a industria láctea neste eido.

A xornada comezará coa presentación a cargo de Martín Alemparte Vidal, director da Agacal. Seguidamente, Juan José Cerviño, director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, ofrecerá un relatorio titulado “O sector lácteo en Galicia: Pasado, presente e futuro”, na que se fará un repaso pola evolución do sector e o seu panorama actual. Andrea Lendewig, directora de investigación e desenvolvemento de IFCN, achegará unha perspectiva global coa súa exposición sobre as “Tendencias mundiais e o mercado lácteo español”, na que destacará as correntes internacionais que impactan no mercado local.

Tras unha pausa para o café, Steffi Wille-Sonk, investigadora de EDF (Asociación Gandeiros de Europa), discutirá sobre a eficiencia técnica e económica das granxas EDF en España e Europa, tralo cal intervirá John Allen, director de AB Dairy Global e consultor de Kite Consulting, quen presentará a súa conferencia sobre como convertir ameazas en oportunidades para sacar proveito da sustentabilidade, centrado en estratexias prácticas para transformar os retos ambientais en vantaxes competitivas.

Tras a pausa para o xantar, Tom Davis, nutricionista principal e cofundador de Kite Consulting, abordará a eficiencia en nutrición durante o periodo de transición, tema clave para a saúde e rendemento das vacas de leite. A continuación, Ben Helm, director comercial global de AB Dairy, presentará formas innovadoras de mellorar a eficiencia e o rendemento en vacas e xovencas. Jan Bakker, consultor internacional de nutrición de Duynie (Cooperativa Royal Cosum), pechará o ciclo de relatorios coa súa charla “Opcións dispoñibles para mellorar eficiencia e sustentabilidade na granxa”.

A xornada concluirá cunha mesa redonda, onde se exporán un resumo dos principais puntos tratados e ideas prácticas para aplicar nas explotacións.

A inscrición previa é obrigatoria e o aforo limitado, polo que se recomenda realizar a reserva canto antes para asegurar a praza.

A inscrición pode realizarse nesta ligazón. Código do seminario: TT2024F115015