O salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Pontevedra acollerá o vindeiro mércores 15 de novembro unha xornada sobre o caderno dixital de explotación agrícola (CUE), da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O encontro comezará ás 10:00 horas e rematará ás 14:00 horas.
A actividade está destinada ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, ou con expectativa de incorporación, en especial mozos e mozas do medio rural galego.
Os obxectivos desta acción formativa baséanse en dar a coñecer o Real Decreto 1054/2022 e as ferramentas informáticas para a xestión da información do sector primario. Tamén se busca presentar o sistema electrónico a disposición dos titulares de explotacións agrarias con unidades de produción agrícola para xestionar o caderno dixital.
Os interesados en asistir deben realizar a preinscrición nesta ligazón.