O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Coristanco, en colaboración con John Deere e Aerocámaras, organizará o próximo luns 23 de setembro unha xornada destinada a ensinar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías no ámbito rural galego. O evento terá lugar no campo de fútbol do Centro Social Interxeracional de A Rocheira e está dirixido a emprendedores e profesionais do sector agrario que desexen coñecer máis sobre o uso de drons e outras tecnoloxías avanzadas aplicadas á agricultura e gandería.
A xornada, que comezará ás 10:00 h, ofrecerá un completo programa que inclúe charlas técnicas e demostracións prácticas. O persoal técnico de John Deere será o encargado de abrir a sesión cunha presentación sobre as posibilidades que os drons ofrecen como ferramenta de emprendemento no sector agrario e gandeiro. Posteriormente, o equipo de Aerocámaras abordará os aspectos legais e normativos do uso de drons na agricultura, proporcionando unha guía imprescindible para aqueles que queiran integrar esta tecnoloxía nas súas explotacións de forma segura e eficiente.
Despois dunha pausa para o café e o networking, os asistentes terán a oportunidade de presenciar unha demostración práctica na que se amosarán as aplicacións reais dos drons no campo. Esta actividade permitirá ver de primeira man como as novas tecnoloxías poden optimizar os procesos produtivos e mellorar a eficiencia nas explotacións rurais.