O vindeiro luns 11 de marzo, o edificio polivalente Manuel Rivero de Lalín acollerá en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 unha xornada formativa da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) sobre optimización fiscal e formación económica e de xestión en explotacións gandeiras.
No Bloque 1, trataranse a tributación básica e a optimización fiscal, explorando as diversas formas para emprender a actividade gandeira, as súas vantaxes e inconvenientes, e a súa fiscalidade. Ademais, buscarase identificar medidas e incentivos para reducir a factura fiscal.
No Bloque 2, dedicado á contabilidade para non financeiros, proporcionarase comprensión de conceptos básicos de contabilidade para facilitar a toma de decisións e estratexias relacionadas coa explotación gandeira. Abordarase a lectura de estados financeiros básicos e a súa importancia na xestión dilixente, así como a implantación de ferramentas financeiras básicas para obter información sobre a rendibilidade, liquidez e solvencia do negocio.
O segundo Bloque 2, centrado na xestión eficiente, porá o foco no coñecemento de ferramentas informáticas para a xestión diaria do negocio. Tamén deseñarase un sistema de indicadores e gráficos (cadro de mando) para obter unha visión xeral, obxectiva e en tempo real da explotación, facilitando a toma de decisións instantáneas.