- As XXI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro celebraranse os días 14 e 15 deste mes no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
- Os responsables da organización desta edición, Albino Iglesias e Martín López, presentaron esta mañá o programa completo na Deputación Provincial de Lugo.
Seragro celebrará os vindeiros días 14 e 15 de novembro as XXI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta mañá presentouse na sala de xuntas do Pazo de San Marcos o programa completo da edición, que abordará as últimas innovacións e avances na xestión de explotacións de vacún leiteiro. Ao longo dos dous días de conferencias desglosaranse diversas temáticas organizadas en bloques especializados que abranguerán dende a epixenética e a xenómica ata a tecnoloxía aplicada nas grandes granxas.
O lema desta edición é ‘Sempre cara adiante’. “Pensamos que define ben o motivo do nacemento e a consolidación deste evento”, destacou na presentación Víctor Manuel Manrique Arroyo, presidente de Seragro S. Coop. Galega, que estivo acompañado dos veterinarios organizadores Albino Iglesias e Martín López, e de Carlos López López, deputado da Área de Medio Ambiente.
Dende Seragro aproveitaron para agradecer o apoio da Deputación de Lugo, da Facultade de Veterinaria, da Aula de Produtos Lácteos e das Africores, así como das empresas colaboradoras das Xornadas. Algúns dos grandes temas a tratar serán os sistemas de muxido, xa que “a falta de man de obra conduce a súa robotización e xera un gran debate sobre que sistema escoller”, comentou Albino Iglesias, ou as novas tecnoloxías para monitorizar datos, que “viñeron para quedar e axudarlle aos gandeiros e técnicos”, subliñou Martín López.
EPIXENÉTICA E XENÓMICA
O primeiro bloque estará centrado nos avances científicos en epixenética e xenómica, cun enfoque nas súas aplicacións prácticas nas granxas leiteiras. O primeiro relator será o veterinario Juan Francisco Sánchez Madueño, cofundador de SamaVet, quen explicará como os coñecementos en epixenética poden mellorar a produción en vacún leiteiro. A continuación, Francisco Peñagaricano, profesor asociado na Universidade de Wisconsin-Madison, ofrecerá dúas conferencias sobre probas xenómicas, nas que abordará os avances e perspectivas neste campo, así como a evolución dos datos técnicos en granxas que implementaron xenotipado.
INSTALACIÓNS DE MUXIDO EN GRANDES GRANXAS
O segundo bloque versará sobre a tecnoloxía e as técnicas para o muxido en grandes granxas leiteiras. Javier Liste, veterinario e experto en asesoría de explotacións de vacún de leite, explicará como elixir o sistema de muxido máis apropiado. Ademais, compartiranse casos prácticos de gandeiros. Manuel Sandá, de Gandería SAR SL (Touro, A Coruña), falará sobre o muxido traseiro, e Rubén Gómez, de Granxa A Esperanza (San Sadurniño, A Coruña), expoñerá a súa experiencia cunha sala rotativa. Tamén presentará o seu sistema de traballo Cristóbal Touriñán, de Gandería Pastora SC (Muxía, A Coruña), que utiliza o sistema batchmilking. Este bloque pecharase coa charla “Gandeiro por un día”, a cargo de Quiara Pardiñas, de Gandería O Palomar (Láncara, Lugo).
TECNOLOXÍA E ROBOTIZACIÓN
A terceira sección poñerá o foco na tecnoloxía aplicada ao manexo das explotacións leiteiras. Álex Bach, veterinario e experto en produción animal, enunciará as ferramentas tecnolóxicas que facilitan a toma de decisións na granxa e Carolina Tejero, técnica veterinaria de MSD, tratará o uso da tecnoloxía para monitorizar a saúde da recría. Nesta sección tamén se contará coa intervención de David García Torres, quen compartirá a súa experiencia na maximización do potencial dos robots na xestión das granxas. Finalmente, Noelia Mourazos García, do Servizo de Calidade do Leite de Seragro SCG, explicará como se pode monitorizar a saúde do ubre dende as células ata a condutividade.
FORRAXES, PLANIFICACIÓN E ALTERNATIVAS
Neste bloque, Lluis Xanxo-Doria, enxeñeiro agrónomo e asesor agronómico-nutricional, falará sobre a importancia da planificación e a xestión agronómica para mellorar a calidade do ensilado e así acadar unha alta eficiencia na produción leiteira. A continuación, José Manuel Sánchez, gandeiro de Agrociocende SC (Boimorto, A Coruña), relatará a súa experiencia na implantación da alfalfa durante o seu primeiro ano, e Laura Seoane, de Ugasma SL (Boimorto, A Coruña), compartirá os resultados obtidos tras dez anos de cultivo. Para rematar, Sebastián Martín, doutor en Veterinaria e asesor independente en BOVIverso, disertará sobre o éxito do liderado na xestión gandeira.
Ademais, como complemento ás conferencias programadas, o xoves ás 18:00 horas celebrarase o Encontro Gandeiro, unha ocasión para o intercambio de experiencias entre produtores e expertos do sector, e o venres pola tarde, tras rematar as charlas, os asistentes poderán gozar do tradicional Brinde do Leite, que pechará esta edición das xornadas.