- Celébranse este xoves e venres no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
- Os veterinarios Albino Iglesias e Martín López, son os responsables da organización desta edición.
Seragro celebrará este xoves 14 e venres 15 as XXI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite na Facultade de Veterinaria de Lugo. Ao longo dos dous días de conferencias, abordaranse as últimas innovacións e avances na xestión de explotacións de vacún leiteiro, organizadas en bloques especializados que abranguerán dende a epixenética e a xenómica ata a tecnoloxía aplicada nas grandes granxas.
Algúns dos grandes temas a tratar serán os sistemas de muxido, xa que “a falta de man de obra conduce a súa robotización e xera un gran debate sobre que sistema escoller”, comentou Albino Iglesias, ou as novas tecnoloxías para monitorizar datos, que “viñeron para quedar e axudarlle aos gandeiros e técnicos”, subliñou Martín López.
O lema desta edición é ‘Sempre cara adiante’. “Pensamos que define ben o motivo do nacemento e a consolidación deste evento”, destacou Víctor Manuel Manrique Arroyo, presidente de Seragro S. Coop. Galega.