José González visita Xenética Fontao ante o próximo inicio de produción de seme sexado en exclusiva

José González visita Xenética Fontao ante o próximo inicio de produción de seme sexado en exclusiva

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo hoxe unha visita a Xenética Fontao na que celebrou o próximo inicio da produción en exclusiva de seme sexado para toda España e salientou que Galicia está na vangarda en materia de xenética animal, algo que contribúe decisivamente a consolidar a súa posición de liderado nacional e mesmo de referente a nivel europeo na produción de leite, en cantidade e calidade.

Ademais, o conselleiro vinculou esta visita coa reunión que mantivo onte, dentro da rolda de contactos con organizacións profesionais agrarias e con outras entidades sectoriais, para impulsar o Observatorio lácteo e para avanzar na valorización do produto. Neste sentido, agradeceu a sensibilidade da distribución “á hora de comprender que o incremento dos custos que afrontan os gandeiros ten que repercutir na suba do prezo final do produto”, algo que tamén está marcado como obxectivo na Estratexia do sector impulsada pola Xunta de acordo cos axentes deste eido produtivo.

González puxo en valor que Xenética Fontao, empresa pública públicaadscrita á Consellería do Medio Rural, producirá un mínimo anual de 30.000 doses e que este seme sexado eleva ata o 90 % as posibilidades de que o sexo do animal froito da xestación sexa feminino, algo esencial para facilitar a recría e a reposición de gando dentro da propia granxa. Cualificou o avance como importantísimo para a gandaría, xa que vai traer consigo diferentes vantaxes, como a autonomía á hora de realizar este tipo de selección xenética, a contención dos custos e, polo tanto, unha maior rendibilidade para o sector.

O conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, trasladou tamén que todo isto supón, ademais, unha decidida aposta polo fomento da recría nas explotacións e, polo tanto, dunha maior garantía de continuidade das liñas xenéticas coa máxima calidade nas granxas.

A maiores, o titular de Medio Rural valorou a colaboración entre a Xunta e Xenética Fontao para seguir impulsando, entre outras cousas, o Programa de mellora xenética do gando frisón en Galicia, esencial na liña de garantir unha gandería moderna, eficiente e competitiva.