José Luis Benedito Castellote ingresa na Real Academia de Ciencias Veterinarias de España como académico numerario

José Luis Benedito Castellote ingresa na Real Academia de Ciencias Veterinarias de España como académico numerario

O presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo e catedrático da área de Cirurxía e Medicina Animal da USC na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo José Luis Benedito Castellote achegou á Real Academia de Ciencias Veterinarias de España (RACVE) á realidade dos profesionais que desenvolven o seu labor en Galicia, logo de formalizar o ingreso como académico numerario especialista na sección de Medicina Veterinaria cunha lección sobre o desafío metabólico das vacas, na que puxo de manifesto a importancia da alimentación e do equilibrio nutricional deste ruminante como elemento chave para a saúde e a prevención de enfermidades, a fertilidade e o bo rendemento da súa produción leiteira.

No seu discurso de ingreso, Benedito Castellote puxo o foco na gran influencia que ten a nutrición sobre as altas producións leiteiras e a saúde dos animais. Así, tras relacionar a condición corporal da vaca coa súa fertilidade e logo de lembrar a importancia da suplementación de aminoácidos esenciais para mellorar a función inmunolóxica e a liberación de estrés, o novo académico numerario fixo fincapé na necesidade de manter o equilibrio proteico na alimentación das vacas de alta produción leiteira.

Benedito, que é o único representante de Galicia na Real Academia de Ciencias Clínicas Veterinarias de España, institución da que é titular da medalla número 50, aproveitou asemade a súa intervención para reiterar a súa lealdade á institución e o seu agradecemento por “unha distinción que me honra”.